Os Diplomáticos voltan a Monte Alto cun “momento coruñento”

A formación clásica da mítica banda volve aos escenarios esta sexta feira cunha actuación no Club do Mar de San Amaro xunto a outros dous grupos da escena local, Bastards on Parade e Trapallada. Á semana seguinte farán parte do cartel do Revenidas.

Diplomáticos Monte Alto
photo_camera Diplomáticos Monte Alto

Hai que remontarse oito anos para atopar un concerto de Os Diplomáticos de Monte Alto no barrio que os viu nacer. Foi en 2005 no Campo da Leña, coa formación final da xira de despedida. Pasado o tempo e unha vez que desde 2010 a formación clásica da banda reúnese para concertos puntuais e especiais, tocaba o regreso a casa. Xa volveran por A Coruña hai tres anos, pero centos de persoas quedaran sen velos polas dimensións da sala, nunha impresionante resposta popular. Pero tocaba o barrio. E esa débeda quedará saldada esta sexta feira, cando o emblema bravú encabece o cartel dun pequeno festival chamado -en puro xurxosoutiano- “Momento Coruñento”.

Volven Os Diplomáticos a Monte Alto coa súa formación máis coñecida, a de Xurxo Souto á voz, Rómulo Sanjurjo no acordeón, Guni Varela na guitarra, Mangüi Martín no baixo e Pulpiño Viascón na batería. O recinto do concerto fai parte da formación vital dalgúns deles, xa que actuarán no Club do Mar de San Amaro, a sociedade deportiva e de lecer que nos anos trinta creou o proletariado do barrio. Á semana seguinte, en sábado, os coruñeses farán parte do gran cartel do festival Revenidas 2013, xunto a bandas como Zënzar ou Fermín Muguruza Contrakantxa.

O concerto desta sexta feira na Coruña comeza ás 21:00 horas e nel -para completar o espírito coruñento- participarán outras dúas bandas locais, os skatalíticos Trapallada e o punkis celtas de Bastards on Parade, de enorme suceso na escena internacional dese xénero.  

 Imaxe tirada do Faceboock de Ábrete de Orellas, tomada na sala O Túnel, Coliseum, A Coruña

Máis en Ao vivo
Comentarios