O XVIII Festival de Ortigueira volve ás orixes

Primeiras figuras do folque internacional xunto a noveis con moito futuro, actividades paralelas con protagonismo do audiovisual e unha aposta pola recuperación da praia de Morouzos son as novidades deste ano para o mítico encontro do mundo celta.
Crema de gaita
photo_camera Crema de gaita

O Festival de Ortigueira chega á súa XVIII edición procurando manter as características que fixeron del o punto de encontro do chamado “folque celta”. Alén da propia programación musical, a organización ten prevista a recuperación da mítica praia de Morouzos para o campismo do festival. Lonxe quedarán as molestas carpas “dance” que proliferaron outros anos e as molestias que causaban nos visitantes. Unha condición ten clara a organización: as actuacións continuarán sendo de balde, un xeito diferente de loitar contra a crise.

Na programación manteñen, como cada ano, a apertura do festival como unha das apostas máis firmes polos novos valores con futuro na música folque. Continúa o escenario Runas que nesta edición traspasa fronteiras pois xunto ás formacións galegas Avelaíña, Rastrexos Project e Alén de Ancos hai que engadirlle a presenza dunha banda xaponesa, Harmonica creams.

Unha das apostas máis firmes do festival é a dos grupos noveis


No escenario principal comparten protagonismo as bandas de música, unha chiscadela ás orixes do festival, coas actuacións da Bagad Glazik Kemper (Breizh, Bretaña), a Banda de gaitas de Verín (Galiza), a Escola de gaitas de Ortigueira (Galiza) e a Oban pipe band (Alba, Escocia). En grupos internacionais xunto a Crema de gaita (Galiza),  este ano veremos a  Stolen Notes (Andalucía), Blazin' fiddles (Alba, Escocia), Jamie's Smith Mabon (Cymru, Gales), The Rua Macmillan band (Alba, Escocia), Electric céilí (Eire, Irlanda). Pódese consultar o horario dos concertos aquí.


Programación paralela
Non todo é musica en Ortigueira. Este ano introdúcese o mundo audiovisual procurando responder ás expectativas dun público cada vez máis esixente. Neste eido preséntase o documental sobre a gaita galega "DefolXXI" (Sábado 14, 20 h., Teatro de Beneficencia) un proxecto documental dirixido por David Ramos, no que se intenta poñer ao día da situación da gaita galega no século XXI. "Aproveitei que o sector do guión, no que traballo, deixábame tempo e decidín realizar un audiovisual sobre este instrumento", descubre Ramos. Botou man de amizades na construcción, músicos, profesionais en xeral que lle descubriron que o mundo do noso isntrumento nacional é "máis amplo" do que pensaba. "Non quixen facer unha obra enciclopédica, só un achegamento de 50 minutos", sinala, "e sorprendeume que as persoas que viven no mundo dese instrumento chegan a non entender a vida sen el", asegura o director e guinista.



A fotografía tamén estará presente no festival da man dunha mostra que reúne, baixo o nome de  "Antoloxía do Festival", a historia en imaxes deste encontro musical. No Centro de recepción de visitantes recupéranse imaxes de fotoxornalistas como Gabriel Tizón, Xulio Villarino e Xoán Piñón, ou, máis recentemente, Kiko Delgado e Ángel Manso. “Foi unha experiencia moi enriquecedora”, comenta Villarino daquel traballo, “Ortigueira ten un perfil de xente moi particular e tiven todas as facilidades do mundo”, sinala. No seu caso acceder a quitar fotografías no festival permitiulle procurar unha estética onde a diversidade foi o eixo central.  

Outra das actividades paralelas é unha exposición que revisa as orixes do propio festival a través do material dun dos seus cofundadores, Francisco Bermúdez, propietario do último obradoiro de gaitas de Ortigueira. "Eran outros tempos, lembro que para facer o primeiro festival pedimos un crédito", conta Francisco. "Daquela precisabamos un millón de pesetas e no grupo Javier puxo de aval a casa dos pais e Álvaro un monte da súa avóa". En 1978, cando decidiron comezar coa aventura deste festival, contaban con chegar a ter 5.000 visitas e ao final estiveron 9.000 persoas en Ortigueira. "Lembro os impedimentos de todo tipo como a imposición do Ministerio de Cultura de que se fixera en Vigo ou A Coruña para ter a subvención e non quixemos". Agora fotografias, cartaces e prensa estarán no Centro de recepción de visitantes e na Casa consistorial para que teñamos oportunidade de saber algo máis de como xurdiu o Festival que hoxe coñecemos.

Máis en Ao vivo
Comentarios