O teatro popular brilla en Barreiros

O Colectivo Cultural Ollomao enche o pavillón do Colexio de San Miguel de Reinante (A Mariña) coa representación d'Os vellos non deben de namorarse.

Máis de 700 persoas participaron esta fin de semana no acto de presentación do recén nado grupo de teatro Ollomao, mais tamén, "nunha homenaxe a todas aquelas persoas que hai máis de 40 anos tomaban parte do plantel de Extensión Agraria" en Barreiros (A Mariña) e outros proxectos que "levaron a cabo a representación deste clásico" de Castelao, aseguran desde o Colectivo Cultural.

Baixo a dirección de Comba Campoy e Ramón Casas, máis de 50 persoas volveron pór vida ás personaxes da clásica --e única-- obra teatral do de Rianxo, acompañadas da música en directo do grupo local Tumba e dálle que puxo o ton musical á obra en "rigoroso directo", sinalan desde Ollomao.

Aliás das actrices, actores e demáis persoas que fixeron posíbel o desenvolvemento da obra, a representación contou coa presenza dalgúns dos que, nos anos setenta, levaran adiante unha representación deste clásico da literatura galega, aos que Ollomao quixo homenaxear no que será o impulso deste proxecto de teatro popular posto a andar na Mariña luguesa.

Após a grande acollida coa que o proxecto foi recibido polo público mariñán, Ollomao asegura que "haberá novas representacións na contorna" á fin de pular pola cultura "naquelas zonas rurais, din, onde a oferta de lecer é menos ampla".

Máis en Ao vivo
Comentarios