O 'Son de Vigo' reúne Os Resentidos e Siniestro Total no Parque de Castrelos

O festival de verán de Vigo quixo este ano promocionar grupos vigueses de estilos tan diferentes como o jazz ou a música electrónica. Como fin de festa un encontro cos veteranos 'Siniestro Total' e 'Os Resentidos'
Os Resentidos
photo_camera Os Resentidos

Esta edición do 'Son de Vigo' quere promocionar os grupos da cidade en case todos os seus estilos. Jazz, rock, rap, música electrónica, country e swing, poderán escoitarse ao longo da semana na Praza da Constitución e de xeito gratuíto. O festival comezou onte e rematará o vindeiro 3 de agosto.

Abriron o festival onte os Aries e The Blows para continuar hoxe con Mónica de Nut e The Soul Jacket. A primeira, Mónica de Nut, é unha cantante dificil de encadrar no panorama musical galego, sempre introducindo elementos das súas fontes básicas: a ópera, o jazz e o canto tradicional galego. No concerto de Vigo contará con Virxilio da Silva e a súa guitarra para reinterpretar o seu primeiro disco de jazz baseado na electrónica e máis con influencias clásicas e galegas. Os The Soul Jacket realizan un rock do sur onde teñen como protagonista a potente voz do seu cantante. No seu traballo discográfico “Wood Mama” deixaron claro que o seu vai máis alá dun grupo con poucas pretensións.

Mañá actuarán Kaixo Sama vs Elecesar e Bflecha. Os primeiros levan máis de cinco anos promocionando a idea do rap aberto. Compartiron escenario con algunhas das voces máis importantes deste estilo en xira por Galiza e este ano aventuráronse a levar o seu producto a cidades como Zaragoza, Xixón, Madrid ou Donosti. A segunda é unha Dj e vocalista que reside en Vigo. Despois de pasar por varias formacións monta o seu propio proxecto en solitario con temas da súa propia autoría, algúns con presenza no Sónar 2010 e o Sónar Sound Tokyo 2011, que presentará en Son de Vigo.

Na quinta feira estarán no escenario da praza da Constitución os grupos Camarada Nimoy e Inculpados. Camarada Nimoy "non son unha banda de surf nin de swing nin de jazz, mais gustan de todos e cada un deses xéneros", explican nas redes sociais. Fascinados polo traballo de Leonard Nimoy (o Dr. Spock de Star Trek) interpretan unha música a medio camiño entre a música lounge surf terror. @s Inculpados son Mat Díaz, voz e baixo, José Cabañas, guitarras, Isabel Mariño, batería, e Jorge Rogero, saxo. O seu estilo procura unha mestura de rhytm&blues, country e swing, apto para todos os públicos.

A noite dos 80
O Sonar de Vigo rematará a sexta feira 3 de agosto con Siniestro Total e Os Resentidos, desta vez no mítico parque de Castrelos. O concerto promete se temos en conta que para os de Antón Reixa coincide coa celebración do seu 30º aniversario e un retorno a través do espectáculo "A tribo baila". Segundo informan na súa páxina dixital no concerto contarán, ademais, coa participación de Rafa Fernández (guitarra e coros), Iago Sayans (trompeta), Álex Díaz (gaita, saxo alto), Roberto Sobrado (voces, textos, coordinación e codirección musical), Pablo Vidal (baixo e codirección musical), Alex Salgueiro (teclados e bases) e Xabier Camba (batería e charrasco). Os Siniestro Total presentan o seu último álbum "Country & Western" e seguro que atenderán as propostas especiais que xurdirán nun concerto deste tipo.

Máis en Ao vivo
Comentarios