O son da primavera chega ao Porto

Wilco, Beach House, Flaming Lips, Saint Etienne, Yann Tiersen, Suede…Todos xuntos ben preto. Do 7 ao 10 de xuño contaranse por centos os carros galegos na A3 portuguesa con destino Parque da Cidade do Porto.

Cando en outubro de 2011 os organizadores do festival Primavera Sound de Barcelona anunciaron na casa do concello do Porto a posta en marcha dun xemelgo na cidade portuguesa, foron moitos os afeizoad@s á música na Galiza que bateron palmas ante a perspectiva de gozar dos grandes nomes da música independente. Wilco, Beach House, Flaming Lips, Saint Etienne, Yann Tiersen, Suede…farán que do 7 ao 10 de xuño a centos serán os carros galegos con destino Porto. 

Ben é certo que este xemelgo naceu despois e ten un tamaño máis reducido pero tamén é verdade que a entrada custa a metade que a de Barcelona: 99 euros máis gastos o abono do Porto fronte a 195. Tamén é máis accesible en canto que a oferta non é tan desacougante como a de Barcelona xa que é imposible atracarse co menú do Parc del Forum composto por máis de 250 shows.

A celebración do Optimus Primavera Sound supón unha oportunidade de expansión para a organización do festival catalán, un dos máis importantes de Europa na actualidade cun orzamento de máis de sete millóns de euros e máis de cen mil asistentes na pasada edición. En Portugal, onde as previsións achéganse ás vinte e cinco mil persoas, contan co apoio do concello e Cámara de Comercio do Porto e o patrocinio fundamental da compañía de telefonía Optimus, asi como o traballo in situ da produtora Ritmos, a mesma que xestiona outro clásico do verán portugués, o festival de Paredes de Coura. O artista João Paulo Feliciano encargouse da ambientación do Parque da Cidade. Se a entente funciona, os organizadores do Primavera contan con que a sucursal do Porto mantéñase tres anos nunha primera fase.

Non se precisan directrices para gozar dos setenta concertos e da cidade durante esa longa fin de semana, mais en Sermos temos ousadía e non podemos resistirnos ás suxestións:

Clásicos festivaleiros. Sempre é unha experiencia asistir ás tolerías de Wayne Coyne, de Flaming Lips, en directo. A volta de Suede aos festivais e o pop electrónico de Saint Etienne sube ao palco a dous clásicos británicos. Que dicir de Wilco? Fagan o que fagan, os de Chicago xa teñen a audiencia gañada. Tamén dos Estados Unidos chegan Yo la tengo e os seus vinte e cinco anos de andaina musica.

Os figuras. O francés Yann Tiersen, un dos grandes europeos, imprevisible e experimental, estará na xornada inaugural. Rufus Wainwright (con banda), que nesa altura xa fixo triplete en Galiza (Santiago 2008, Vigo 2010 e A Coruña 2012) tamén se sube ao Palco; o ex Sonic Youth Lee Ranaldo, que cancelou o pasado decembro o seu show na Cidade da Cultura, estará coa súa poesía ruidista no Porto e Jeff Mangum, da desaparecida banda Neutral Milk Hotel, ofrece dous shows na Casa da Música o domingo 10. Malia ser día de despedida, non será doado conseguir entrada.

A maior banda de rock do mundo. Cen músicos do Porto enriba dun escenario? Si, a StopEstra. Mágoa que estea programada para as cinco da tarde do xoves 7 de xuño; boa parte da audiencia aínda non chegou ao festival. Todo un espectáculo, se non ollade esta actuación na Casa da Música: http://www.youtube.com/watch?v=hZ8t9NeW82M

A praia do Porto. Si, a cidade portuguesa ten areais preto da Parque da Cidade, recinto do festival no que con seguridade unha das bandas triunfadoras será Beach House (precisamente, a casa da praia). Só queda cruzar os dedos e que o tempo acompañe a estadía nunha cidade na que, malia que non haberá horas no día, paga a pena mergullarse.

Todo o programa do Optimus Primavera Sound:
http://www.optimusprimaverasound.com/

Máis en Ao vivo
Comentarios