O público pon a guinda no cartaz do Reperkusión

A elección d@s internautas levará á emblemática Cidade dos Muchachos a Guezos, Skarallaos, La Tarrancha e Rimbarán, nesta nova edición do festival ourensán presidida por Fermín Muguruza e a Manu Chao
Fermin Muguruza
photo_camera Fermin Muguruza

Cun cartaz encabezado polos xa incondicionais artistas dos encontros musicais na Galiza, Fermín Muguruza e Manu Chao, o Festival Reperkusión aterrará, por vez segunda, os días 10, 11 e 12 de maio, na emblemática Cidade dos Muchachos de Bemposta, en Ourense.
Esta cita musical que tivera os seus albores once anos atrás na vila ourensá de Allariz, incorporará na súa programación, de entre as 39 propostas que acudiron á convocatoria, aos grupos Guezos, Skarallaos, La Tarrancha e Rimbarán, grazas aos máis de 1.200 votos cos que @s internautas abalaron os conxuntos a través da rede social Facebook.
Entre as distintas candidaturas que foron presentadas entre o 21 de febreiro e o 10 de marzo, houbo espazo para achegas tan orixinais coma o circo, o clown, espectáculos de malabares e humor, teatro, danza ou o ioga da risa.
Canto a música, amais das candidaturas galegas que conformaron a grande maioría, participaron aspirantes chegados dende Euskadi, Asturias, Barcelona, Madrid, Castela ou as Illas Canarias, entre @s que houbo espazo para un amplo repertorio de xéneros. O folk, o punk, o rock, a rumba, o reggae, a fusión ou a música balcánica deron testemuña da inmensa variedade de ritmos e influenzas que ferven e se mesturan no seo da Península Ibérica.

No entanto, o folk dos ourensáns Guezos, o “punkizaxe” dos tamén galegos Skarallaos, os ritmos xamaicanos e as verbas reivindicativas en lingua asturiana de La Tarrancha e os acordes festivos nados na cidade de Barcelona de mans de Rimbarán, conformaron finalmente as heteroxéneas escollas do público dun festival que se está a consagrar coma un dos máis concorridos do país.

Embora a vindeira semana se confirmarán as derradeiras actuacións, xa está claro que o prato forte do venres será servido polo grande de Euskal Herría, Fermín Muguruza quen, despois de seis anos fóra da escena, volve ás táboas para conmemorar máis de tres décadas de carreira musical ao longo das cales creou escola con bandas inesquecíbeis coma Kortatu ou Negu Gorriak. A sexta feira contará tamén coa presenza de Shazalakazoo, dúo serbio de folk-step, “música balcánica, urbana e bastarda”.

Canto o sábado, o cabeza de cartaz será o músico de orixe galego e francés Manu Chao, mais tamén resoará no escenario a Banda Fura Fura que, arrexuntando a recoñecidos cantantes e músicos do rock galego, rescatará inmortais himnos coma os do cantautor portugués Zeca Afonso. Aliás, os ucranianos Haydamaky traerán a Bemposta o mestizase de rock, ska e punk que xa se converteu nun referente da escena alternativa do seu país. O humor tamén terá cabida nesta derradeira xeira grazas ao monologuista Quequé, coñecido polas súas actuacións en programas españois coma o Clube da Comedia.
Para pechar as xornadas do venres e o sábado, nas madrugadas resoará a música electrónica de mans dos dj’s Supertumbaduo e Hadri Hache.

Máis en Ao vivo
Comentarios