O jazz e o blues toman Pontevedra

De 'Mostra' a 'Festival Internacional' en vinte anos de concertos na capital do Lérez. Nesta edición con The Bad Plus e Joshua Redman, Sharrie Williams, Keb' Mo' e Ninety Miles, con Stefon Harris, Nicholas Payton e David Sánchez como principais atractivos.
Keb Mo
photo_camera Keb' Mo'

O Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra celebra este ano a súa XX edición entre o 17 e o 22 de xullo. Vinte anos desde aquel 1993 no que comezaron como 'Mostra' na Praza do Teucro, un espazo que ao pouco quedou pequeno, para rematar na Ferraría. Nestes anos pasaron por esta cita musical de verán grandes cantantes e instrumentistas, tanto norteamericanos coma europeos. Co ciclo creado en 2002 de 'Jazz na rúa', hoxe denominado 'Pontejazz', apostouse dun xeito decidido polo apoio ao Jazz feito en Galiza, un dos seus sinais de identidade.

Programa de luxo
Contar con nomes de luxo non é doado para a organización mais este ano conseguiron traer artistas na primeira liña internacional destes estilos. Abren
festival os The Bad Plus e Joshua Redman (19 de xullo, 22:30 horas). O novo saxofonista, naceu en Berkeley en 1969, con influenzas máis alá do jazz que van desde os Wind and Fire a Led Zeppelin, conta xa cunha ducia de traballos discográficos que certifican a súa calidade como músico e compositor. Para o concerto de Pontevedra contará co trio formado por Reid Anderson, Ethan Iverson e David King.

O segundo día a estrela é Sharrie Williams (20 de xullo, 22:30 horas), premio ao “Álbum do ano” de L'Academie du Jazz en París, e candidata este ano en dúas categorías dos Blues Awards: Mellor cantante feminina de Blues Soul de 2011 (categoría na que xa fora candidata anteriormente) e Mellor cantante feminina de Blues tradicional. Recoñece influencias de Aretha Franklin, Tina Turner, Etta James e a lendaria Billie Holiday, unha mestura explosiva.

Keb' Mo' presentará no concerto na Ferraría o seu último traballo 'The Reflection'

O cantante, compositor e guitarrista, Keb' Mo' (21 de xullo, 22:30 horas) traerá a Pontevedra aires do sur do Mississippi, o denominado Delta Blues. Comezou como músico profesional a finais da década dos 70, mudando o seu nome como reivindicación afroamericana. O concerto na Ferraría forma parte da xira de presentación do seu último traballo 'The Reflection'.

Pecha o Festival no escenario principal Ninety Miles, con Stefon Harris, Nicholas Payton e David Sánchez (22 de xullo, 22:30 horas). O proxecto, xa realidade, é a historia dun desafío entre tres músicos de Florida e a posibilidade de gravar nuns estudos cubanos. O resultado foi un traballo que acadou o premio ao mellor CD do Ano por NPR e unha xira que agora chega a Pontevedra.

O programa conta tamén coas formacións Javier Pereiro Quinteto (18 de xullo), Street Band no ciclo 'Jazz pola rúa' (17 e 18 de xullo 12:30 a 14:00 horas e de 20 a 21 horas) e no Pontejazz Workshop participarán Philip Dizack, Eden Ladin, Concoran Holt e John Davis.

Máis en Ao vivo
Comentarios