Festival de Pardiñas, a cita obrigada do verán galego

O festival de música e arte da localidade de Pardiñas (Guitiriz) acada trinta e dúas edicións grazas ao esforzo da Asociación Cultural Xermolos.
photo_camera XX Edición do Festival de Pardiñas, 1999

Comezaron alá polos anos oitenta e ao longo deste tempo tiveron riba do seu escenario grupos de todos os recunchos do mundo, desde Kepa Junkera –que repetirá este ano--, até os escoceses Wolfstone, Xosé Manuel Budiño, Airiños de Fene, os irlandeses Dervish e Shebeen, a Quenlla, Joglars e Seglars ou os astures Dixebra. O Festival de Pardiñas achéganos cada ano dous días de lecer e romaría acompañados de exposicións, mercado e artesanía.

Este ano o acontecemento terá lugar os días 4 e 5 de agosto e contará coas actuacións de Bloquinho de Xermolos, Milesios, Quempallou –que presentarán o seu novo proxecto, Vellas novas, Chotokoeu, Zurrumalla e os Cuchufellos desde a Galiza; Kepa Junkera desde Euskal Herria, a orquestra folk ibérica de Coetus & Eliseu Parra dos Països Calatans e a música polaca de Beltaine. Así mesmo, a Asociación de Gaiteiros Galegos organiza a XIX Mostra de Instrumentos de Música Tradicional, que abrirá o sábado día 4 ás cinco da tarde. A mostra contará con obradoiros, actuacións musicais, presentacións literarias, demostracións prácticas a respecto da construción de instrumentos tradicionais e unha hora e media de escenario libre para músicos espontáneos.

Asemade, este ano, o Festival incorpora unha xornada rock o día 3 de agosto coa actuación de oito bandas encabezadas por Barricada. O custo de entrada ao Festival Rock de Pardiñas será de 10€ e contará coa tradicional zona de acampada.

 

Máis en Ao vivo
Comentarios