UNHA CRÍTICA DE ANDRÉS CASTRO

Nova entrega na saga do planeta dos simios

Esta fin de semana, o noso crítico de cinema debrúzase sobre a nova entrega da revitalizada saga do planeta dos simios.

apes

 

AMENCER DO PLANETA DOS SIMIOS
Título orixinal: Down of the Planet of the Apes
Ano: 2014
Duración: 130 min.
Nacionalidade: Estados Unidos
Director: Matt Reeves
Guión: Mark Bomback, Rick Jaffa e Amanda Silver
Fotografía: Michael Seresin
Música: Michael Giacchino
Reparto: Andy Serkis, Jason Clarke, Gary Oldman, Keri Russell, Kody Smith-McPhee, Toby Kebbell, Kirk Acevedo, Jon Eyez, Nick Thurston, Christopher Berry, Michael Papajohn.
 

SINOPSE

A chamada “gripe dos monos” extermina a meirande parte da humanidade. Un grupo de humanos superviventes atopan nun bosque preto de San Francisco unha colonia de simios evolucionados capitaneados por César (Andy Serkis). Tras unha tregua na que ambas especies colaboran en paz, os acontecementos precipítanse nunha guerra sen cuartel onde se vai determinar cal será a raza dominante.
 
CRÍTICA

Continuación directa de A orixe do planeta dos simios (2011, Rupert Wyatt). Pasaron 10 anos daquela. O virus creado na anterior como posible cura para o Alzheimer resulta ser tremendamente evolutivo para os simios, pero letal para a raza humana. César (Andy Serkis) convértese xa no líder indiscutible dos simios. Crea unha civilización ao estilo ewok no medio do bosque de secuoias que hai preto da cidade de San Francisco. Ten un fillo en camiño, aparte do primoxénito Ollos Azuis (Nick Thurston) ao que intenta ensinar as claves para ser un bo sucesor cando teña que sucedelo. Un pequeno grupo de humanos superviventes, e inmunes ao virus, entran no bosque para poderen abastecerse de electricidade a través dunha presa que hai no medio do bosque. Para acceder a ela teñen que decidir entre atacar os simios ou negociar con eles para que lles deixen traballar tranquilos. A pesar da negativa inicial de Dreyfus (Gary Oldman), un grupo encabezado por Malcolm (Jason Clarke) aventúrase para parlamentar cos simios. Tras un período de tregua, o liderado de César empezara a ser cuestionado por Koba (Toby Kebbell), un dos simios que fora rescatado das industrias Gen-Sys no filme anterior e que non é capaz de confiar nos humanos tras anos de ser sometido a durísimas probas científicas que o desfiguraron.

Amencer do Planeta dos Simios é unha revitalización do xénero de aventuras

 
Dirixe Matt Reeves (Déixame entrar, Monstruoso), herdeiro natural de J.J. Abrams pero menos estrambótico. Achega a historia un pouco máis ao blockbuster que a súa predecesora, pero mantén aínda ese entretemento de calidade que supuxo aquela, ademais de utilizar a mesma técnica, mellorada iso si, de motion capture. Acada que A orixe… teña aínda máis empaque da que tiña pois lle dá máis profundidade e por fin fai esquecer aquel despropósito que perpetrou Tim Burton alá polo 2001. Saga reboot que é herdeira directa das dirixidas a principios dos 70 por J. Lee Thompson tituladas A conquista… e A batalla… (do planeta dos simios, claro). Tamén continúan as mesmas personaxes simiescas dando maior protagonismo a Koba, que acaba antollándose unha verdadeira sorpresa coma antagonista de César á altura dunha reencarnación animal de Tony Scarface Montana. Do mellor do filme con diferenza. Ten algún que outro altibaixo na historia e cae nos típicos clixés de conflitos na parte das personaxes “humanas”, pero a xenialidade duns efectos que rozan a perfección e onde apenas distinguimos entre a imaxe dixital e a imaxe real, cousa que non pasaba coa anterior, fan que a atención apenas decaia nas máis de 2 horas que dura o filme, salvo o dito das personaxes humanas. Amencer do planeta dos simios supón unha revitalización do xénero de aventuras, e da saga en particular, que só o tempo dirá se pecha nun “todo” digno de ser proxectado nunha sesión continua para fans. Haberá que esperar ate o 2016 para a seguinte entrega…

 

Máis en Ao vivo
Comentarios