Nace o festival Ao Son do Masma, un novo espazo para a música folk e tradicional

O vindeiro 16 de xuño celebrarase en Barreiros, na parroquia de Celeiro de Mariñaos, a primeira edición do festival Ao Son do Masma. A iniciativa parte do colectivo cultural Ollomao e do grupo Tumba e Dálle.

O festival contará coa actuación de Quempallou, que vén de editar o seu cuarto disco, como punto cume da xornada. Actuará, ademais, o grupo anfitrión, Tumba e Dálle, xunto con Tanto Nos Ten e Os Modernos.

Ademais dos concertos da noite, a organización prevé actividades ao longo de toda a xornada. Entre elas, a organización dun roteiro polo Masma, o río que atravesa o concello e á beira do cal celebrará o festival. O  fin é reivindicar a posta en valor deste espazo que no seu momento constituíu  tamén un importante motor económico para o concello de Barreiros, e en torno ao cal centra este ano a súa actividade o Colectivo Cultural Ollomao co fin de reivindicar os recursos económicos e naturais da zona.

Xa ao mediodía comezarán as actuacións musicais do Grupo Arandela de O Inicio, que acompañarán o resto da xornada. Ao longo da tarde, terán lugar diversos obradoiros de baile, instrumentos musicais e artesanía, e celebrarase o I Aberto de Billarda do Masma. Actividades para as que a organización contará coa colaboración doutras asociacións locais, como O Arco da Vella ou O Varal, co fin de estabelecer pontes de colaboración co tecido cívico da zona.

O espazo da festa estará animado ademais por numerosos postos de artesanía (instrumentos musicais, alimentación, complementos...). Á hora do xantar, a organización contará con racións e bebidas a prezos módicos.

A iniciativa , en verbas da presidenta do Colectivo cultural Ollomao, Tamara Rubiños, pretende ser un espazo no que se dean encontro “as persoas afeccionadas a esta música e os numerosos músicos e músicas que hai ao longo de toda A Mariña”. O festival, explica o compoñente de Tumba e Dálle, Xoán Manuel Díaz Branco, nace  con vocación de continuidade e ante a necesidade de crear na costa de Lugo un festival referente para a música do país con vocación de continuidade.

Máis en Ao vivo
Comentarios