Liska!: “A música ten que estar ao servizo deste país”

Liska! son  Manolo, Byktor, Diego, Chanquete, Martín, Paula, Alba, Álex, Candi e Chino. Unha banda de ska viguesa que está a piques de sacar o seu primeiro disco. Xa podes escoital@s en RadioSermos.

photo_camera [Imaxe cedida por Liska!]

Son once. Manolo, Byktor, Diego, Chanquete, Martín, Paula, Alba, Álex, Candi e Chino. Guitarras, baixos, baterías, saxos, tompetes, teclados e voz. Tod@s xunt@s compoñen Liska! Unha banda viguesa de ska que a piques está de botar á rúa o seu primeiro disco, Sonhos de Raiva. Coa súa voz, Paulo Tobío –que resultará coñecida a máis de un/ha-- conversamos.

Quen é Liska!?
Somos unha banda de ska de Vigo. Aínda que hai xente de todo o país este é o noso centro neurálxico. Somos unha banda moi nova, levamos só un par de anos traballando. Vimos de gravar en marzo deste ano o noso primeiro traballo Sonhos de raiva. E agardamos sacalo á luz este mes de agosto. 

Ska con moita mensaxe, cales son eses Sonhos de raiva?
As letras tocan moitas temáticas distintas. Están feitas da vida, do traballo diario neste país e da nosa experiencia de acción social. 

Musicades unha cantiga de 1972 recuperada por Galiza Contrainfo en 2012...
Dise que a cantaban os traballadores  dun estaleiro vigués naquela época para pasaren as horas. É unha letra con moita mensaxe na altura mais que agora nos segue a dicir moito. Nós musicámola coas melodías dalgunhas outras cancións da época. 

"A música ten que estar ao servizo do país e ser unha ferramenta máis coa que traballarmos diariamente"

Ten moito a ver coa realidade actual do sector naval...
Por suposto, é unha canción moi extrapolábel polo que está a acontecer no sector naval. 

A situación política, social actual deixa pouco espazo para manterse á marxe. Tamén na música?
Si a música como calquera outra faceta cultural ten que estar ao servizo da sociedade e do país. Ten que ser unha ferramenta máis coa que traballarmos diariamente. Do contrario só pode ser entendida como correa de transmisión do poder e nós non estamos, desde logo, pola labor de sermos correa de transmisión deste poder. 

Para cando o vindeiro concerto?
Polo de agora estamos tendo poucos e bastante espaciados no tempo pois vimos de gravar o disco. Após saia á venda comezaremos unha pequena xira de presentación e a partir de aí visamos comezar a tocar –a vindeira temporada-- polos festivais do país. 

O disco foi auto-editado. É difícil sacar un proxecto musical hoxe en día?
Doado non é. Amais de todo o traballo que leva, das horas de ensaio e gravación, de todo o que hai que investir economicamente para a masterización do traballo... os ingresos dos concertos non chegan para gravar. O que ingresamos nunha actuación acostuma gastarse na seguinte [desprazamentos, aloxamentos]. Non hai maneira de conseguir un fondo suficientemente estábel para chegar a un proceso de gravación con folgura. 

"Vivirmos nun país dependente doutro condiciona enormemente a capacidade de proxección e desenvolvemento do panorama musical" 

Facédelo máis por gozar tocando e ver gozar coa vosa música que por vivir profesionalmente disto?
Obviamente. Vivir disto non se pode mais tampouco é ese o noso obxectivo, nin a nosa filosofía. Cremos que isto é un traballo pola cultura do país, igual que se montan centros sociais. 

Cal é o estado de saúde da música deste país?
Ao noso entender cremos que é de perfecta saúde. Hai unha variedade enorme de grupos que cobren todos os estilos musicais. Hai grupos moi bos. Non temos absolutamente nada que envexar a ningún outro país nese sentido. O problema é outro. Lastramos vivir nun país cunha dependencia a respeito doutro e iso condiciona enormemente toda a capacidade de proxección e o desenvolvemento en si propio do panorama musical. 

Este goberno 'des-goberna'?
Máis ben goberna para outros. [Ri]. No eido cultural nótase moito como as axudas non chegan, montas un grupo e tés que tirar de recursos propios, do teu esforzo, do teu diñeiro, non tés ningunha axuda, absolutamente ningunha. 

Xa podes escoitar os dous adiantos do disco en RadioSermos: Vida e A Quimenra

Máis en Ao vivo
Comentarios