Miguel Costas: ''A falta de ironía é unha enfermidade, aínda que non estea diagnosticada''

Ao que foi guitarrista e cantante de grupos inesquecíbeis coma Siniestro Total e Aerolíneas Federales, non hai quen o baixe das táboas. Alguien tenía que hacerlo é o nome do disco que acaba de sacar ao mercado xunto á banda que leva o seu apelido. Inmersos na nova xira, prometen tocar en todos os festivais de verán na Galiza. Imaxe interior: Alba Villanueva

photo_camera [Imaxes: SG]


Co humor ácido e a retranca de sempre, Costas presenta o seu novo álbum de auténtico punk-rock. Convencido de que “non hai que ser melancólico co pasado” ten as miras postas no horizonte xunto ao baixista Coché Vil, Jose Bonhan á batería e Little Naya na guitarra.

Agora Costas xa son toda unha banda. Custou traballo atopar un conxunto de tolos como en Siniestro Total ou dan o nivel?
Non, non, non. Isto é un grupo como deus manda. Aquí, eu son o líder e eles son unha chusma, mais cumpren á perfección co que eu lles ordeno e o resultado é unha banda de punk-rock como nunca se viu. Entón, malia que os teña que aguantar nas xiras, a xente queda moi contenta cos nosos concertos. 

Que vai ver o público de Costas con respecto ao de Siniestro Total?
Doutros tempos nada, non se pode ser melancólico co pasado. Acabamos de sacar un disco que se chama ‘Alguien tenía que hacerlo’ e o título xa o di todo. Somos un grupo actualizado e non nos gusta vivir do pasado mais, nos concertos, hai que tocar os temas míticos porque a xente os pide e nós temos que facer que o público se divirta. Xa temos as miras postas nun próximo long play e, a respeito da xira, imos repetir a experiencia da anterior, que nos levou a América Latina. O ano pasado visitamos Colombia e Perú e este tocaremos en Chile e Arxentina. Somos un grupo en expansión, como o universo.

Sempre levou símbolos raros. Explícame o novo coa fouce, o martelo e o dólar xuntos?
Iso é para que a xente reaccione un pouco. Eu pensaba que se ían molestar os de dereitas mais resultou que os que máis se deron por aludidos foron os de esquerdas. Quería facer cavilar a unha poboación que cada vez ten o cerebro máis plano, a estes que escoitan reguetón e toda esa trapallada. Ademais, en realidade tamén son as siglas de Costas, o “C”, o “T” e o “S”. 

Os seus temas seguen co espírito de sempre?
As cancións do novo álbum falan do que lle está a pasar á tropa. É un disco de punk, mais non un punk combativo, de barrio ou de rúa. Son cancións divertidas, mais que á vez levan esa ironía de sempre e sei que toda a xente intelixente que nos sigue as vai entender perfectamente.

Intentou cortarlles as pelotas algunha feminista por títulos como ‘Cuánta puta y yo que viejo’?
Non, mais a verdade é que na época de ‘Las Tetas de mi novia’ [con Siniestro Total] si que houbo algún problema… Xa sabes que hai xente que non entende a ironía. De feito, é unha enfermidade, malia que aínda non estea diagnosticada. As miñas letras levan moita retranca e moita mala ostia, mais encubertas, porque xa sabes que vivimos nunha sociedade cada día máis light, onde todo está mal visto e na que todo se volve un aburrimento. Á xuventude só lle venden produtos que son unha porcallada para que non pensen e todo o que está pasando é unha desgraza excepto excepcións, vaia a repugnancia, coma a de outra moita xente que se interesa pola cultura. Hoxe en día, moitas das nosas cancións estarían prohibidas.

Como se está acollendo o novo disco?
Moi ben. A verdade é que recibimos moi boas críticas. O vídeo viuno unha morea de xente e incluso este ano en Galiza imos tocar en todos os festivais habidos e por haber: no Derrame, no Arrea o Cabo, no Revenidas e no Brincadeira, se finalmente se fai. E este verán, por fin, a xente darase conta de que Costas non fala galego, non porque non lle mole, que me mola, mais non o falo porque estou en contra de todos os idiomas e non o podo evitar. Pásame igual que coas persoas, tamén estou en contra. E isto sucede porque son punk e un punk ten que estar en contra de todo, menos das mulleres, delas estou a favor. Iso non viña no manual do punk! [ri]

E que tal a experiencia co público americano?
Pois moi ben porque alí si que te respectan moito. Aquí, en cambio, só admiran aos futbolistas que son todos un panda de vagos, que cobran un pastón e que non valen para nada. A ver o Ronaldo este, sabe compoñer unha canción, pintar un cadro ou escribir? Non! Se non sabe nin falar!

Que pensa dos novos grupos que están saído?
Creo que, hoxe en día, todo se repite moitísimo e isto pasa tanto coa televisión como co cine ou coa música. Os grupos repítense os uns aos outros e despois chega un punto no que se repiten a si propios. Creo que faltan as ganas de facer algo novo que había nos oitenta.

A xuventude ten que explorar novas historias e deixar de lles seguir a corrente ás grandes marcas e mutinacionais que, dunha forma moi sutil, lles están a eliminar as poucas neuronas que lles quedan. Nos anos 80 en Vigo, había sete grupos mais todos tiñan estilos distintos. Agora está de moda o rollo indie e todo se parece. Cando unha banda triunfa xa saen cinco copiándoa e, sobre todo, o que non hai son cancións. E, ao final, non van quedar nin Siniestro nin Aerolíneas, nin nada. Quedarán ‘No me beses en los labios’ e ‘Bailaré sobre tu tumba’ e, dentro de 10 anos, ninguén se acordará de quen as fixo.

Que salto Antón Reixa! Vostede vese presidindo a SGAE?
Pois non. Porque o que preside a SGAE realmente non fai outra cousa e, aínda que Reixa intentou combinar ambas as dúas facetas, vese que non lle saíu ben. Aliás, eu sempre fun honrado toda a miña vida e podo asegurar que non me vou meter en ningunha lea. Reixa antes movíase comigo mais agora… xa sabes, a xente cambia de amigos. Eu sigo sendo amigo del mais el considera aos seus novos amigos de máis importancia. E niso equivócase. Aliás, véxoo moi pouco porque, co cargo que ostenta, dificilmente.

Cambiou moito Vigo con respecto á movida?
Si, eu xa non saio moito porque, verdadeiramente, abúrrome polo tipo de música que poñen nos bares e vexo alí o que tamén pasa noutras cidades: unha xuventude moi metida en temas bacaladísticos. Doutra banda, os que pasan diso, aquí en Galiza, gústalles o rollo folclórico. Parece que por ser galego hai que falar galego e tenche gustar o viño tintorro e a gaita. Non, por ser galego hai que odiar a gaita! Eu, por exemplo, non estiven en ningunha tuna e odio a bandurra, é un instrumento insoportábel para min. En calquera cousa que se fai en Galiza ten que haber unha gaita, como en Madrid, tunas por todos os lados e, en México, pragas de mariachis. Os americanos tocan o tantán? Non, tocan guitarra eléctrica!

Como ve os festivais de hoxe?
Eu, para a miña xira, sempre intento que todos os concertos sexan de balde. Creo que todos os festivais deberían ser gratuítos e as institucións deberían pagar a cultura e a música e deixar xa de meter pasta para o seu propio beneficio e axudar á xente. Mentres haxa cultura todo irá ben. E mentres haxa mangantes todo irá coma o cú.  

Máis en Ao vivo
Comentarios