Mardi Gras: a gran bodega do rock da Coruña cumpre quince anos

A sala de concertos de Monte Alto celebra tres lustros de historia que mudaron a concepción do seu barrio e en cuxo escenario luciron o seu talento bandas en galego como Os Diplomáticos, Nao, Das Kapital ou, a semana que vén, Caxade ou Grampoder.

Lado e Aldao, na Mardi.
photo_camera Lado e Aldao

“É preferíbel que perdamos todos un pouco a que quede xente sen poder tocar”, explica Tomi Legido, o actual programador da Sala Mardi Gras, na Coruña, en Monte Alto, templo do rock na cidade -e moi especialmente nese barrio- que estes días celebra os seus quince anos de historia con carteis históricos nun longo festexo no que hai lugar para pequenas bandas e así mesmo para @s que buscan o seu momento e, por suposto, tamén para o talento en galego, por exemplo hai uns días encheron o recinto María Lado e Lucía Aldao -que nin son rock nin son poesía pero superan ambas... disciplinas?- Tanto ten. Pola Mardi teñen pasado todo tipo de artistas, por suposto moitos d@s que utilizan o galego, mesmo o próximo venres estarán alí Caxade co seu pop-folk e Grampoder co “hardcore-comeflores”. Súmanse así a Nao, Zenzar, Das Kapital ou tantas outras que alí actuaron, como tamén Os Diplomáticos, grupo simbólico do barrio que nesa sala presentou a súa nova formación en 2002 ou a súa biografía hai poucos meses, rebentando o local. 

Antes de converterse en referente eléctrificado, o local era unha tasca, pero na que Os Diplomáticos lle fixeron unha homenaxe a Arsenio Iglesias

O precedente da Mardi Gras tamén remonta aos símbolos bravús e a unha zona da cidade que, daquela, esperaba pola eclosión que agora vive. Mais nos anos 90 non era así. Nesa época, o habitáculo longo e profundo que agora acolle guitarras eléctricas estaba dedicado ás tazas. Era a bodega Vila-Real, onde Os Diplomáticos presentaron o seu primeiro disco -Arroutada Pangalaica- nun acto de homenaxe ao adestrador do Dépor, Arsenio Iglesias. Con todo, aquel lugar pechou a actividade, e algúns decidiron que era a hora de reconvertelo, en templo do rock. “Tiña as características necesarias, pero polo que conta Yolanda que é a xerente a unha das que iniciou a aventura, os principios foron moi complicados, entre outras cousas por unha circunstancia que a algunha xente agora lle chocará, pero que hai quince anos era certa: non había bares de copas preto”, explica Tomi. 

A eclosión do barrio de Monte Alto como zona 'alternativa' ten na iniciativa algo suicida que xerou a Mardi medio big-bang

Así é. O Monte Alto dos 90 estoupaba en vida, pero non tiña ese toque -digamos- “alternativo”, estaba xa o Patachim, pero algo lonxe, posto que o barrio é máis amplo que a maioría das vilas do país. Até que a Mardi sumouse á causa. “Nos comezos houbo intres nos que se estivo a piques de tirar a toalla, pero paseniño a xente comezou decatarse de que algo había alí arriba, especialmente unha oferta musical inédita, traballada e, a maiores, tamén un garito onde tomar algo escoitando rock, soul ou funk”, relata Legido, incapaz de enumerar a listaxe de concertos alí dados en tres lustros. Aínda que algún lembra: “Eu son moi de El Kanka, un cantautor especial, ou alucinei con Money for Rope e a súa dupla batería, igual que coa voz de Eva Amaral cando fixo un acústico para a prensa unha mañá ou coa intensidade de Mambo Jambo”, recorda. 

Programación

A programación do aniversario está funcionando, malia os tempos complicados. “The Rubinoos era unha teima miña e demostrouse que pagaba a pena, igual que Cápsula, que son unha burrada de bos”, conta sobre o xa feito, ao que se lle sumara en breve figuras do tipo de Lee Ranaldo, The Dictators ou Sex Museum. Tamén clásicos (Burning) ou artistas de calibre propio como Candido Pazó ou Quico Cadaval. Non todo é rock. Ou polo menos, rock tocado. 

“Ofrecemos arredor de 16 concertos ao mes, obviamente non hai xente nin posibilidades económicas agora mesmo para encher a sala sempre, pero é fantástico que teñamos esa demanda para actuar e ante iso non hai dúbida, que non fique ninguén fóra, trátase de paixón, cartos dan poucas propostas, nesta historia se buscas outra cousa cometiches un erro, pero a cultura e esta felicidade compensa”, relata Tomi, entusiasmado. De aniversario. De carnaval ruidoso. O da Mardi Gras.

Máis en Ao vivo
Comentarios