Manuel Guede dirixirá no CDG por novena vez

Manuel Guede non só se pon á cabeza como a persoa que por maior tempo e máis veces dirixiu o Centro Dramático Galego na súa historia. É tamén o que máis espectáculos dirixiu para o teatro público xa que con O profesional, que veñen de presentar, será a novena vez que se poña á fronte dunha obra do CDG.

A volta de Manuel Guede ao CDG é por partida dobre. Xunto cos responsábeis políticos do teatro público, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo e o director do AGADIC, Xoán Carlos Fasero, vén de facer pública a noticia de que será el mesmo o próximo director dun espectáculo do centro. Guede porase á fronte de O profesional do serbio Dusan Kovacevi que se montará en coprodución coa Companhia Teatral de Braga, coa que estreou a obra en 2007. Manuel Guede Oliva é, con diferenza, o director que máis veces se ten posto diante dun espectáculo do centro público de teatro. 

A estrea será o 5 de outubro, no mes seguinte ao que estaba prevista a primeira función de As furias, a última obra programada por Blanca Cendán antes do seu cesamento e que ía ser dirixida por Andrés Lima e para a que xa comezara a traballar o equipo de produción. A obra  As furias fora presentada tamén por Anxo Lorenzo e Xoán Carlos Fasero, os mesmos que agora fan pública a posta en marcha da nova obra.

Manuel Guede é o director que máis tempo estivo á fronte do CDG. Fora director durante 13 anos até que foi cesado no goberno bipartito ao ser nomeada para o cargo Ánxeles Cuña Bóveda, a quen despois sucedería Cristina Domínguez. O PP ideou un sistema de acceso mediante concurso ao que Guede non se presentou e do que saiu, despois dun accidentado proceso, a actriz Blanca Cendán. Despois dos desencontros con Cendán, o PP recuperou a Guede e prescindiu tamén do concurso que tanto defendera para ocupar a dirección do Centro.

A volta de Manuel Guede é, pois, por partida dobre, non só se pon diante da casa do teatro público senón que tamén protagoniza a dirección da súa primeira obra. A traxectoria de Guede no CDG comezara con Historia do soldado de Ramuz e Strawinsky en 1993 para, dous anos despois, poñerse á fronte de Nin me abandonarás nunca de Posada Curros. El Bufón de El Rei de Risco precedería á máis polémica obra do teatro público, a representación de Valle Inclán en español da que Guede sería responsábel. A produción en español do teatro público galego, coa xustificación da imposibilidade de tradución da obra de Valle polos dereitos de autor, foi motivo de manifestacións e actos de protesta de profesionais do teatro e en defensa da normalización lingüística. Por vez primeira o teatro público representaba en español unha obra propia. Caligula de Camus, Os vellos non deben de namorarse de Castelao, O colaborador de Durrenmät e Ricardo III de Shakespeare serían as pezas dirixidas por Guede nos anos 2000, antes do seu cese no CDG e do seu regreso neste 2012 con O profesional.


Ao ser nomeado director do CDG o día 18 de abril, Guede anunciara que en 15 días presentaría o novo proxecto para o centro. Case un mes despois, o departamento dependente da Consellería de Cultura anuncia unha obra dirixida por el mesmo e promete un maior diálogo con representantes do sector. Anunciou tamén, xunto cos representantes da Consellaría de Cultura, que a finais de mes presentarán a programación da nova tempada, que vai de outubro a xuño de 2013. 


Máis en Ao vivo
Comentarios