CRÍTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

Manglehorn, ou cando Al Pacino non se nota na pantalla

Al Pacino é un dos grandes da interpretación. Do seu último filme escribe o crítico de cabeceira de Sermos.

Al Pacino
photo_camera Al Pacino


O SEÑOR MANGLEHORN
Manglehorn
(Estados Unidos 2014, 97 min.)
Dirección: David Gordon Green
Guión: Paul Logan
Fotografía: Tim Orr
Música: David Wingo, Explosions in the Sky
Elenco: Al Pacino, Holly Hunter, Harmony Korine, Chris Messina, Natalie Wilemon, June Griffin Garcia, Elizabeth Lestina, Marisa Varela

SINOPSE
A.J. Manglehorn (Al Pacino) é un solitario facedor de chaves de Texas que pasa os seus días coidando do seu gato, refuxiándose no traballo e lamentando un amor perdido fai moito tempo. Dawn (Holly Hunter), unha caixeira de bo corazón, parece a única capaz de sacalo da súa cuncha. 

CRÍTICA 
Tras unha serie de comedietas alimenticias (O canguro ou Cabaleiros, Princesas e outras bestas) semella que David Gordon Green trata de volver á senda do cinema de calidade. Cando menos leva un par de anos sen faltar a súa cita anual dentro do circuíto festivaleiro. No 2013 acada, nada máis e nada menos, que o Oso de Prata a Mellor Director na Berlinale con Prince Avalanche; e con Joe, o ‘suposto’ rexurdir de Nicolas Cage, suma un Premio Especial e outro ao Mellor Intérprete Novel (Tye Sheridan) no Festival de Venecia. Tamén repite en Venecia con Manglehorn o pasado ano onde aspiraba a Mellor Dirección, mais desta volta volve cos brazos baleiros. Non por demérito do filme, senón porque non aporta demasiado novo á dirección. Cámara en man, contraluces a sol, plano de costas mentres o protagonista vai camiñando, música minimalista (da dupla Explosions in the Sky + David Wingo), montaxe endiañado de planos superpostos para aparentar certo amateurismo... En fin, que se pode dicir que ten a maioría dos típicos clixés indies pero non se pode dicir que sexa un verdadeiro exercicio de estilo. Por outra banda, tendo diante da cámara a un monstro como Al Pacino... que máis estilo se pode ter? A poñer a cámara e a filmar. Que actúe. E así é. Pacino métese na pel dun home solitario, rosmón, amante dos gatos e cunha equipaxe de pasado que non lle deixa avanzar na vida. Esa equipaxe é Clara, unha fermosa muller que lle marcou tanto que non hai día que deixe de pensar nela. Dawn, unha empregada de banco a que ve todos os venres para cobrar a pensión, faille olliños, pero o señor Manglehorn parece preferir seguir coa súa rutina diaria. Apenas se achega á sombra do gran home que foi outrora tras anos sumido na autocompaixón, o arrepentimento e a frustración. Dawn, encarnada pola extraordinaria e irrecoñecible Holly Hunter (O Piano, Crash), fará o posíbel por espertar novamente á vida ao amoucado señor Manglehorn...

Un monólogo de Al Pacino en toda regra. El é a estrela. Inda que non se note. Unha vez que aparece en pantalla... nin rastro de Pacino

Visto así podería parecer unha máis do estilo de Mellor Imposíbel (coa que Jack Nicholson acadou o Óscar a Mellor Actor), ou St. Vincent (coa que Bill Murray estivo nomeado), é dicir, película de home túzaro que se redime e mostra a súa mellor versión. Pois non. Nada máis lonxe. O señor Manglehorn a historia dun home caduco que ve pasar a vida por diante dos seus fociños e non parece darse conta. Un monólogo de Al Pacino en toda regra. El é a estrela. Inda que non se note. Unha vez que aparece en pantalla... nin rastro de Pacino. Só vemos un señor solitario con gato. Un espectáculo de interpretación que poucos alcanzan hoxe en día. O peor é que pode botar para atrás unha historia pequena con ritmo pausado onde “aparentemente” non pasa nada. Pero se son dos que gustan das películas sobre o comportamento humano, non o dubiden.

Máis en Ao vivo
Comentarios