Lixo Urbano: XX anos de underground estoupan en Compostela

A distribuidora celebra este sábado as súas dúas décadas de existencia. Concertos, exposicións e homenaxes para unha editora incombustíbel.

samesugas
photo_camera Samesugas

En 1994 Compostela seguía a ser en boa medida aquela ‘aldea máis grande de Europa” da que falara Otero Pedrayo. A zona vella estaba lonxe de ser un gran decorado para turistas como en parte é hoxe en día -exemplo: a rúa do Franco estaba inzada de pequenas tascas onde as e os picheleiros ían tomar as tazas, e non de tendas de suvernirs e camisolas-. Xa chegara o ‘Pelegrín’ mais non callara a fondo.

Naquela altura nacía Lixo Urbano, unha distribuidora e editora mergullada nos sons máis veloces, extremos e potentes. Ao fin e ao cabo estamos a falar de Santiago DC, berce de Nicho Varullo, Fame Neghra, Impresentables, Túzaros, Dirty Barriguitas... e tantos outros. Tiña a capital picheleira a súa particular ‘escena’. As okupas de Santa Clara ou a mítica A Casa Encantada (no barrio de Sar), concertos de punk, hardcore e de sons rápidos e nerviosos no Burgo Vello, na Nasa, en locais da zona vella ou Ensanche... E o ambiente palpábase en emblemas como A Calexa ou o Bar-Tolo, por citar só dous entre moitos.E todo iso aliñado co fervedoiro político-social-cultural na cidade coa confluencia de universitari@s dos mil puntos de Galiza...

Un simple vistazo ao catálogo de Lixo Urbano quita o hipo: Fame Neghra, MOL, Dirty Barriguitas, Fulsomes, Eutanasia Activa, Samesugas,The Homens, Novedades Carminha...

Quitar o hipo

Esta fin de semana Lixo Urbano celebra os seus 20 anos de vida. Faráo no Centro Social O Pichel ao longo de toda a xornada do sábado (22 de novembro). Os actos comezarán ás 13:00 horas, cunha sesión Vermuth con Mikel Eskizofrenia nos pratos e un concerto acústico a cargo de Curtinaitis e Os Novos. Haberá unha exposición de cartaces e portadas de discos. A entrada, de balde.

E xa pola noitiña, a partires das 22:00, miniconcertos encadeados nunha gran verbena popular de rock’n’roll. Alineación de luxo: Samesugas, Familia Caamagno, The Brosas, Curtinaitis e Os Novos. A entrada será de 5 euros, con compilatoria de grupos da distribuidora incluídas. Para soci@s da Gentalha e de Semente, 4 euros.

Un simple vistazo ao catálogo de LIxo Urbano quita o hipo: Fame Neghra, MOL, Dirty Barriguitas, Fulsomes, Eutanasia Activa, Samesugas, The Homens, Novedades Carminha...

Máis en Ao vivo
Comentarios