Histeria Teatro leva o 'Hámster' de Santiago Cortegoso ás táboas do Pichel

As actrices Pilar Muñíz e Lara Rozados dan vida a unha femia e un macho de hámster, o inconformismo e o conformismo, dúas partes de nós que tod@s temos en contradición

hamster_
photo_camera CC SA-BY Histeria Teatro

El, Lara Rozados, vive feliz na comodidade e na orde estabelecida das cousas. Ela, Pilar Muñíz, ansía separar os ferros da gaiola coas súas propias patas e fuxir dela. As dúas son actrices da compañía Histeria Teatro, que este sábado ás 21h representará o Hámster de Santiago Cortegoso riba das táboas do centro social compostelán A Gentalha do Pichel. 

Miguel Rozados dirixe esta peza adaptada do texto con que Cortegoso gañou os encontros Magalia de teatro hai algúns anos e que volta agora ao presente con esta versión d@s profesionais de Histeria. Segundo a actriz Lara Rozados explicou nunha entrevista no Sermos Galiza, Cortegoso "viunos no Centro Sociocultural de Santa Marta, en Compostela, na Sala Agustín Magán, e gostou bastante. Supoño que sería bastante diferente a como el a concibiu, ao xogar con dúas actrices... Mais a obra agradoulles a el e á súa compañeira e actriz de Ibuprofeno Teatro Marián Bañobre".

Riba das táboas, as dúas caras contrapostas do ser humano, a resignada e a insubmisa, nunha peza que incorpora a perspectiva de xénero e explora as masculinidades cunha muller interpretando un papel masculino, de macho. Se gostan, vaian, mais leven algo solto porque as de Histeria Teatro son desas actrices que actúan en todas as partes e que cobran de pasar a gorra!

Máis en Ao vivo
Comentarios