sábado 30.05.2020

Fred Morrison, Dinamita, Anxo Lorenzo e Fiadeiro no XXVIII Intercéltico do Morrazo

Un dos festivais máis veteranos do panorama folk galego, o Intercéltico do Morrazo que se celebra en Moaña, segue adiante e celebra este ano a súa XXVIII edición.
Cartaz do XXVIII Festival Intercéltico do Morrazo
Cartaz do XXVIII Festival Intercéltico do Morrazo

Os días 27 e 28 de xullo Moaña regresa ao espírito folk con catro formacións ben diferentes. Abre o festival o primeiro día o grupo Dinamita para seguir co Fred Morrison. O gaiteiro escocés xa actuou en Moaña en 1991 e desde entón noutras localidades galegas como Vigo, Compostela, A Coruña, Ferrol e Ourense. A súa música mestura ás veces a tradición do seu país e o bluegrass cos ritmos galegos e asturianos, zonas que coñece ben logo de participar en moitos festivais. Morrison naceu a carón de Glasgow mais recolleu a tradición familiar do Uist. En 1990 gravou "The Broken Chanter" e formou parte da banda Clan Alba coa que participou na banda sonora da película Rob Roy. Logo virían traballos discográficos como "The Sound of the Sun" e "Up South". Como curiosidade, Morrison creou hai uns anos un instrumento musical, a Fred Morrison Reelpipe, que se comercializa no entorno do mundo da gaita.

O día 28 de xullo veremos pola noite ao grupo Fiadeiro de Vigo. Esta formación desenvolve desde 1996 un afervoado traballo de recolleita e investigación sobre o noso folclore. Participaron en numerosos festivais e publicaron até hoxe dous traballos discográficos. A agrupación está composta por diferentes corpos de música, canto e baile, con máis de 50 artistas en escena. Contan con pandereteiras, pandereteiros, grupo de música tradicional e grupo de danzas tradicionais.

Anxo lorenzo volta a casa para presentar temas do seu novo traballo

Rematará o festival o gaiteiro Anxo Lorenzo coa súa banda. O moañés volta a casa para presentar temas do que será o seu novo traballo. “Xa estamos gravando e en novembro comezaremos a promoción para logo ir de xira por toda Europa”, comenta o gaiteiro. Os bos resultados do seu anterior CD “Tirán” reiniciaron unha traxectoria que comezou co recoñecido 'Spiritu (986)'. “Vai ser un concerto especial, con amigos e familia, nun festival en casa que coñezo desde que se creou”, asegura. No seu espectáculo participarán Xose Liz ao bouzouki, Álvaro Iglesias ao Contrabaixo, Luis Peixoto ao cavaquiño, mandolina e percusións, e o violinista Irlandés Eoghan Neff.

Fred Morrison, Dinamita, Anxo Lorenzo e Fiadeiro no XXVIII Intercéltico do Morrazo
comentarios