CRÍTICA DE CINEMA

Frankenstein-04155, unha traxedia nunca ten unha única causa

O 24 de xullo de 2013 o tren Alvia 04155 descarrilaba á entrada de Santiago de Compostela cun saldo de 81 falecidos e máis de 140 feridos. A verdade oficial sinala como único responsable o maquinista. Pero unha traxedia nunca ten unha única causa...

frankenstein
photo_camera frankenstein

FRANKENSTEIN-04155

(Galiza 2015, 88 min.)

Dirección e guión: Aitor Rei

Fotografía: Michele de Currás e César Seijas

Música: Anxo Graña

SINOPSE

O 24 de xullo de 2013 o tren Alvia 04155 descarrilaba á entrada de Santiago de Compostela cun saldo de 81 falecidos e máis de 140 feridos. A verdade oficial sinala como único responsable o maquinista. Pero unha traxedia nunca ten unha única causa...

CRÍTICA

Cineuropa Compostela, 18 de novembro de 2015. Centos de persoas apiñadas ás portas do Teatro Principal. Respírase respecto. Moito respecto. Ábrense as portas. A xente acomódase. Sala abarrotada. O aforo leva completo desde hai varias semanas. Nas facianas do público apréciase un aura de dor, curiosidade e ansia. Un público sabedor de que vai presenciar un documental sobre un dos feitos máis tráxicos e escuros da década: 81 mortos, 140 feridos, só 1 culpábel, o maquinista... algo non cadra. Sae á palestra o director para presentar Frankenstein-04155: unha longametraxe-documental impulsada pola Plataforma de Vítimas do Alvia, producido por Boneca Lareta e sen ningún apoio institucional, senón por miles de mecenas que aportaron cartos desinteresadamente a través de crowfonding.

Tratando de evitar a denuncia directa, Frankenstein-04155 decántase por expoñer os feitos da maneira máis obxectiva, clara e meridiana posíbel

Apáganse as luces. O enxendro mecánico achégase ao fatídico momento. Lágrimas contidas. Fundido a negro. Unha delgada liña vermella como metáfora do que puido evitarse e o que realmente pasou extraordinariamente reflectida nunha dura e brillante secuencia que resume á perfección todo o que vai vir a continuación. Tratando de evitar a denuncia directa, Frankenstein-04155 decántase por expoñer os feitos da maneira máis obxectiva, clara e meridiana posíbel ao tempo que da voz xusto a esas persoas que parece que se lles intenta acalar.

Testemuños de familias, vítimas, expertos, documentación e moreas de datos contrastados. Milleiros de horas de investigación que se apoian visualmente nuns elaborados, pero sinxelos, gráficos que até un cativo pode entender. Os políticos tamén teñen voz, pero semella que ningún se prestou a dala no filme... o cal non é óbice para escoitar os seus puntos de vista a través das pertinentes intervencións televisivas. Non sei se pasará nas salas comerciais cando se estree, pero en Compostela houbo unha interactividade inédita: o público, de cando en cando, aplaudía espontaneamente ás testemuñas e, noutras ocasións, exhalaba berros desgarrados contra as mentiras dos políticos. A verdade é que non é para menos, o que desvela Frankenstein-04155 é para encolerizarse, mais tamén para solidarizarse, estremecerse e incluso para botar un sorriso. De feito hai situacións que parecen verdadeira brincadeira... de non houber 81 mortos, claro.

Tras coñecer todos os datos, o público pode formar xa a súa propia opinión sobre a verdade. A única verdade

Estamos ante un filme valente, áxil e con gran sentido da responsabilidade. Tras coñecer todos os datos, o público pode formar xa a súa propia opinión sobre a verdade. A única verdade. Unha verdade “incómoda” que semella que algúns non queren que saia á luz... Unha tremenda ovación pon o broche de ouro. Pero non é o final, senón o principio de algo que xurde espontaneamente. Xermina unha idea colectiva que se pode resumir en: “isto ten que sabelo todo o mundo”.

De momento, xa obtivo Mención Especial na Seminci de Valladolid por “indagar con gran rigor nas causas do accidente do tren Alvia 04155 e pola súa capacidade para denunciar a fractura e o distanciamento entre a sociedade civil e as institucións”; tamén 9 candidaturas para os premios Goya, o cal non quere dicir que sexa candidata a todas; e até chegou a Bruxelas, onde parece ser que se albisca unha vía de esperanza para derribar esa blindaxe política que nunca paga as consecuencias dos erros cometidos e nin sequera pide perdón.

En decembro estrea en toda Galiza e en preto de 20 salas do estado español

Demasiados casos xa: Prestige, Metro de Valencia, Spanair, Yak-42... Frankenstein-04155 ponlles tamén voz ás vítimas destes últimos. Un altofalante que pode provocar o inicio do fin desa impunidade salvaxe que impera nas institucións deste país. Igual é pecar de idealista, pero todo suma... En decembro estrea en toda Galiza e en preto de 20 salas do estado español.

Comentarios