Folkfusion no novo disco de Balakandra

Desde San Sadurniño chegan os novos sons de Balakandra, a banda que se creou nesa localidade no ano 2004. Folkfusion con orgullo da música propia.
photo_camera Balakandra

O 2004 foi o ano e a localidade de San Sadurniño foi o lugar que viron nacer a Balakandra. A banda é a evolución do mítico Saraibas e o seu son sabe a orgullo galego, soa a ritmos de folkfusión e cheira á experiencia que só poden dar os anos de dedicación. As súas actuacións en directo non deixan indiferente a ninguén.

O froito dunha extensa traxectoria farase público a finais do mes de maio. A constancia e a paixón materializaranse en forma de disco para a satisfacción das persoas que os seguen desde os seus inicios. Este levará por título o propio nome da formación musical, Balakandra.

Temas como “Ai, la-le-lo”, “Falsos con pedigree” ou “Soleando” formarán parte do seu álbum. Ademais este último foi o escollido pola banda para a gravación do seu último videoclip, rodado na propia localidade da maioría das persoas que compoñen o grupo, San Sadurniño.

Amparo Calvo, Martín Sanjurjo, Abel Leonardo, Rubén Lamas, Manuel Dopico, Alejandro Rey e Farru Rodríguez farán oficial a publicación do seu disco o próximo 27 de maio no Auditorio de Narón. As datas oficiais faranse públicas na súa propia páxina web.

Máis en Ao vivo
Comentarios