Dios ke te Crew: ''Hai 10 anos o deus Hip-Hop estaba realmente anoxado co capitalismo, e así segue!''

O grupo ordense remata este sábado a súa Xira dos 10, dos dez anos que levan subidos a un cenario. Após percorrer o Estado en nove concertos, o derradeiro será na casa: Compostela, Sala Capitol, ás 21.30 horas. Eis aquí a mensaxe que nos deixaron para vós: "Asistide, feligreses!" 


;


Así, no medio dunha forte treboada, naceu hai dez anos Dios ke te Crew. En Ordes, unha vila sen alternativas para a xente moza, eles atoparon unha: o oficio da palabra. Por iso, esta entrevista non ten preguntas, só ten palabras. Colocamos nove. Eles achegan a décima. Así se resume unha década amasando ritmos e sons coas mans. 

Xénese: 'Chegue a haber hip hop!'

E chegou a haber Hip Hop nun día primeiro no ano 2003! Colectivamente, misturándonos para un concerto o 25 de xullo en Compostela, Ghamberros (Jamas e García) e máis Sokram e Mou de 5 Talegos. Ao pouco chegaron as incorporacións de DJ Murdock (5 Talegos) e algo máis tarde de DJ Kaze. 

O noso deus así o quixo, mesturar todas as vertentes artísticas da cultura hip-hop nun mesmo cenario, graffiteiros como Seko, Sont, Gum, Ossiris ou Aiser foron parte da cerimonia daqueles momentos inaugurais. Tamén os Breakers Playmovil Kids. E naceu o Xénese, en 2006, primeiro LP de Rap en galego, difundindo ademais a verdadeira palabra da creación. As raíces do hip-hop, os seus valores cooperativos, positivistas e de transformación social. Digamos que o deus Hip-Hop estaba, e pensamos que así segue, realmente anoxado co sistema capitalista.

"O hip-hop fíxonos ser máis autónomos e menos dependentes das non respostas do poder para rapaces novos nunha vila sen alternativas"

Ordes 

O hip-hop foi unha explosión de cor nas nosas cabezas. Nunha idade de cambios, difícil por definición, a adolescencia e, nun ambiente social nada fácil, a verdade: o Ordes de mediados-finais dos 90. 

Non había respostas ás nosas preguntas, non existían espazos participativos para a xente nova. Vías de escape nada construtivas en moitas ocasións podían rematar por ser a saída. Soa forte, mais é así: en Ordes eramos caldo de cultivo para a mala vida. A creatividade que nos aportou o hip-hop fíxonos ser máis autónomos e menos dependentes das non respostas do poder para rapaces novos nunha vila sen alternativas.

'Herdeiros da ditadura'

O compromiso político é unha cuestión  fundamental para nós, falar da nosa realidade máis directa e denunciar directamente ou dun xeito retranqueiro as graves inxustizas que nos proxectan desde arriba. Somos herdeiros dos séculos escuros, da ditadura, da represión. Facer rap é un xeito de facer política ou, se se quere, de intervir na sociedade.

Lingua (proletaria do meu pobo)

Só podemos dicir unha cousa: naturalidade. O rap é oralidade. Sería absurdo utilizar como lingua vehicular algo alleo a nós, non sería verdadeiro. Para calquera aclaración, consultar Deitado frente ó mar, de Celso Emilio.

"Facer rap é un xeito de facer política"

'5 Talegos' 

E Ghamberros! Os primeiros pasos de 5 Talegos foron en 1995, hai xa 18 anos, con DJ Murdock, Sokram, Fredi (actualmente co seu proxecto de música electrónica, Croma), Siño (participou ultimamente no grupo ordense A Cona Ye Yé) e Mou. Logo xurdiu Ghamberros (Jamas e García) moi influenciados por 5 Talegos. Temos moitas boas lembranzas, como ensaiar nun cortello (5 Talegos) e Ghamberros cun loro pola rúa... moitas vivencias... foron tempos de moito xenio! 

Chiapas

En Chiapas dáse unha situación por unha banda absolutamente represiva e por outra unha rosa no medio das espiñas. A autonomía integral en constante evolución feita realidade, levada a cabo por pobos orixinarios que se atopan abaixo e de pé, demostrando que é posíbel abrir fendas anticapitalistas nesta fase neoliberal do sistema-mundo. A Universidade da Terra é un deses exemplos descomunais de transformación social. Chiapas pode aportar moitísimo a Galiza e a todo o mundo, debemos darnos a volta e mirala.

SGAE

Quen asista ao noso 10º aniversario na Sala Capitol [este sábado, 25 de Maio] vai ser agasallado con dous temas en formato CD baixo unha licenza Creative Commons que permite copiar e difundir a nosa obra. Non acreditamos nos lobbies corrompidos pola cobiza. Cremos na xustiza e na liberdade e na medida do posible camiñamos cara a iso.

"Temos moitas boas lembranzas, como ensaiar nun cortello ou ir cun loro pola rúa... os inicios foron tempos de moito xenio!"

A Mensaxe (con maiúsculos!)

Todo cambia, que diría Mercedes Sosa, mais hai cousas intactas nestes dez anos e unha delas é dicir cousas, trasmitir algo coas nosas palabras e os nosos ritmos, pretendemos non converternos nunca en simples recitadores sen sentido nin rumbo.

Xira dos 10 

Recibíronnos cos brazos abertos en todas cidades que visitamos. En Gasteiz temos seguidores! E nós non o sabiamos! Foi xenial escoitar a rapaces vascos rapeando algunha das nosas letras de pé a pá. Emocionounos. O barrio de Vallekas en Madrid tamén nos acolleu con moito solaz, rematamos no público en 'pogo'! Catalunya, Aragón, Andalucía, Asturies... foi unha experiencia xenial e tremendamente enriquecedora, entre a xente de abaixo non hai fronteiras. Somos humanos-pobos.

Coloquen aquí a súa décima palabra, fagan favor!

Pois... décima palabra... décimo aniversario! Efectivamente, dez anos de Dios Ke Te Crew e dezaoito do rap en galego en Ordes... estamos de celebración! Só insistimos nun lugar e unha hora: Sala Capitol, Compostela, ás 21.30 horas deste sábado. Vai ser un concerto irrepetíbel con diversas colaboracións. Acudide, feligreses! 

Máis en Ao vivo
Comentarios