Dia do jazz, tamén na Galiza

A música que naceu en Nova Orleáns a cabalo entre dous séculos, o XIX e o XX, celebra hoxe o seu día. O Clavicémbalo de Lugo terá unha sesión especial.
Paco Charlin
photo_camera Paco Charlin

En novembro de 2011, durante a Conferencia Xeral da UNESCO, a comunidade internacional proclamou o 30 de abril como o Día Internacional do Jazz. Esta xornada ten como obxectivo sensibilizar o público xeral sobre as virtudes da música jazz como ferramenta educativa e como motor para a paz, a unidade, o diálogo e o reforzo da cooperación entre pobos. Gobernos, organizacións da sociedade civil, institucións educativas e a cidadanía xa implicada na promoción da música jazz, aproveitarán esta oportunidade para fomentar a idea de que non se trata tan só dun estilo de música, senón de que o jazz contribúe tamén á construción de sociedades máis inclusivas. Irina Bokova, directora xeral da UNESCO, emitiu unha mensaxe con motivo deste día:

“Ao longo da súa historia o jazz foi unha forza de transformación social positiva e segue séndoo hoxe en día. Por esta razón, a UNESCO proclamou o Día Internacional do Jazz. Esta música, cuxas raíces se remontan á escravitude, constitúe unha expresión apaixonada contra todas as formas de opresión. Fala unha linguaxe da liberdade que é comprensíbel por todas as culturas”.


Na Galiza
O jazz na Galiza abriuse camiño a partir da década dos 80 do pasado século coa apertura de locais específicos deste tipo de música: o Dado-dada en Compostela, o Clavicémbalo en Lugo, o Filloa Jazz na Coruña ou o Latino en Ourense. Das formacións daqueles anos (Clunia Jazz, Baio Ensemble ou Filloa Express) até as de hoxe hai que ter en conta moitos nomes: Nani Garcia, recente gañador do Premio Mestre Mateo pola musica da longametraxe “Enrugas”, Charlín, Abe Rábade, Alberto Conde ou Baldo Martínez. Celébranse periodicamente encontros de jazz, obradoiros e hai unha especialidade desta corrente musical no Conservatorio da Coruña
Para as persoas amantes desta música hoxe no Clavicémbalo haberá unha celebración especial despois do concerto de Sés e Sánchez & Galiana Dúo a partir das 23:30 horas.

Máis en Ao vivo
Comentarios