venres 23/10/20
ROCK E OUTRAS LERIAS

Dakidarría: 10 anos na rúa

A banda do Val Miñor festexa a súa primeira década cunha compilación en vinilo que percorre diversos estilos sempre con letras reivindicativas. 

daki-crop
Dakidarría

Dakidarría poñen o colofón á xira do seu 10 aniversario con “10 anos na rúa”, un vinilo compilatorio de 8 temas que inclúe unha versión do “A message to you Skacha” de Skacha, que xa incluíran no disco homenaxe aos vigueses polo XX aniversario "Canta historia na barriada... XX ANOS DE SKACHA" e unha versión de “1.000 berros” gravada en directo no Castañazo Rock de Chantada.

Os do Val Miñor percorren nesta compilación os seus traballos discográficos nunha viaxe tamén polos estilos que a propia banda cultiva, punk rock, ska ou reggae con letras combativas e reivindicativas. Música que como eles mesmos din en “Terra”, é do pobo e é para o pobo.

É precisamente "Terra" un tema que xa foi empregado no reivindicativo “Lipdub pola Terra” gravado nas rúas de Vigo, o que abre o disco. Unha apertura elixida con toda a intencionalidade do que é a banda: Festa, Terra e Loita. No resto do disco vaise debullando a historia da banda, con temas como “Algo Ke Romper” do seu primeiro disco, “El futuro nunca existió”, e pechando con “1000 berros”, un himno de defensa da Terra que pecha o disco do mesmo xeito que foi aberto: con Galiza.

O disco fica algo curto para ser unha compilación, xa que non chega aos 29 minutos e bótanse en falta temas como “Fragasurus Rex” ou a gravación da versión actualizada, como eles cantaran no Fragasaurus Fest: “Fragasaurus Dead”, “Sigue ardiendo” ou “Despertar”, pero non deixa de ser unha boa presentación do grupo para que non o coñeza, e un vinilo especial para conmemorar estes 10 anos na rúa, que agardo que sexan moitos máis.

Listaxe de temas

1. Terra

2. A Memoria

3. A Mocidade Activa

4. Algo Ke Romper

5. El Futuro Nunca Existió

6. A Message To You Skacha

7. México

8. 1000 Berros Live

Vídeo Clip. 1.000 Berros:

Dakidarría na rede:

Web Oficial: www.dakidarria.com.

Facebook: www.facebook.com/dakidarria

Twitter: @dakidarria

Próximos concertos:

14 de febreiro. La Fábrica de Chocolate Club. Vigo.

13 de marzo. Sala Capitol. Santiago de Compostela

27 de marzo. Sala Super 8. Ferrol.

28 de marzo. Aturuxo. Bueu.

comentarios