LEVAN 9 ANOS ENRIBA DO ESCENARIO

Os coruñeses Escuchando Elefantes inician xira por Galiza e Inglaterra

Silvia Rábade e Carlos Tajes volven de xira para presentar o seu segundo disco, 'Happy Lonely People', logo dun parón por razóns de saúde. Galiza, Catalunya e Inglaterra acollerán os seus próximos concertos.

escuchandoelefantes
photo_camera Escuchando elefantes

Este dúo coruñés, sen moita fanfarria ao seu redor, leva nove anos enriba dos escenarios e seis vivindo da música. Compoñen, arranxan, producen e editan a catro mans e cústalle definirse dentro da escena independente: “Si, supoño que facemos folk-rock, pero en Galiza o termo folk confunde un pouco, e nós non temos anda que ver con este folk. Gústanos berrear e ser rockerillos, pero tamén o contraste con cancións máis suaves”, comenta Silvia.  

Cal é o segredo de facer unha xira por Europa de forma independente? “Moito traballo, coñecer á xente correcta e ter moitas ganas de traballar. Nós xa levamos 6 anos vivindo da música”, afirma Silvia con fachenda. 

O seu último disco, 'Happy Lonely People', presentárono en 2014 no Teatro Colón da Coruña e no García Barbón de Vigo, pero logo tiveron que interromper a xira por razóns de saúde. Agora volveron á estrada con concertos en Madrid e Bilbao e onte comezaron en Pontevedra a súa re-xira galega, que os levará o 23 a Compostela (Sónar), o 7 de novembro a Vigo (Casa de Arriba), o 13 a Ferrol (Sala Super 8) e o 14 a Ourense (Auriense). E logo despegan para Barcelona e Inglaterra, onde farán cinco concertos en senllas cidades. 

Quedamos coa dúbida do porqué do nome: “Vén dunha canción que fixemos hai moito tempo e que ten significado para nós”, di misteriosa Silvia Rábade, que tamén nega que comezaran tocando na rúa: “Comezamos facéndoo en locais e salas, pero logo de facer unha viaxe por Europa en 2008 decidimos facelo durante un tempo e funcionounos ben”. 

Comentarios