O Concello da Coruña prohibe a música na rúa

Preparou unha ordenanza sobre "contaminación acústica" que imita a aprobada en Madrid, coa polémica "proba de idoneidade" para tocar en espazos públicos e esixirá que toda persoa que practique esta actividade conte con autorización previa do goberno local.

coru
photo_camera Actuación musical nunha rúa da Coruña [Imaxe: arquivo SG]


Quen queira facer música nas rúas da Coruña terá que pasar un exame do Concello e obter o correspondente permiso. Do contrario, esta actividade fica prohibida. 

Así o dispón a nova ordenanza sobre "contaminación acústica", que considera a música como máis unha forma de "ruído" e que recibiu xa o visto e prace da xunta de goberno local que encabeza Carlos Negreira (PP). E a maioría da formación conservadora no consistorio herculino garante a Negreira que a norma, que se votará na terza feira 14 de xaneiro, será aprobada. Entrará en vigor en abril.

En Madrid, sancións de até 750 euros

Con esta esixencia, o Concello da Coruña copia a polémica ordenanza aprobada en Madrid que obriga @s músic@s na rúa a realizar unha audición, entregar un currículo coa súa traxectoria profesional para coñecer "que tipo de espectáculo desenvolve o aspirante" e superar a avaliación dun xurado --integrado por técnic@s do propio Concello-- antes de facer soar os seus instrumentos.

Tocar a guitarra nunha rúa da capital española, independentemente de se se usa amplificador e dos decibelios alcanzados, pode carrexar unha multa de até 750 euros e a incautación do instrumento.

A ordenanza prohibe ''reunións tumultuosas'' en espazos públicos

Volvendo ao texto que aprobará o Concello da Coruña, substituirá o actual, en vigor desde hai 16 anos, e permitirá a música de ambiente en bares e cafetarías sempre que non se superen os 75 decibelios e non molesten a veciñanza.

Dispón a ordenanza que un pub ou un karaoke --ou un tablao flamenco-- non poderá abrir a menos de 25 metros doutro local dedicado á mesma actividade, distancia que se amplía até os 100 metros no caso dunha discoteca. Prohíbense, así mesmo, as "reunións tumultuosas" en espazos públicos --na rúa, nun parque ou nunha praza, por exemplo-- "en especial consumindo bebidas".

Máis en Ao vivo
Comentarios