Coetus e Eliseo Parra, de residencia artística na Galiza con concertos e formación

Son os principais expoñentes da música tradicional ibérica e estarán a comezos de outubro na Galiza ofrecendo varios cursos e dous concertos. Son Eliseo Parra e Coetus, a orquestra de percusión ibérica radicada en Catalunya, que estarán na Casa de Gasamáns (Ames) os días 2, 3 e 4 de outubro. 

COETUS 1
photo_camera COETUS 1

Coetus, orquestra de percusión ibérica, xunto a Eliseo Parra e o dúo arxentino Luna Monti e Juan Quintero realizarán a comezos de outubro en Galiza unha residencia artística conxunta baixo o título Ir y venir, na que se combinará unha serie de concertos con diferentes cursos de formación e encontros abertos co público. Deste xeito, a formación catalá estarán na Casa Gasamans (Ames) os días 2, 3 e 4 de outubro, ofrecendo un amplo programa de actividades musicais e gravarán ademais directos durante os seus concertos como material para próximos proxectos. 

Coetus é un atrevido proxecto de orquestra de percusión ibérica dirixido por Aleix Tobías e cuxo obxectivo é a recolleita e posta en valor da abondosa colección de instrumentos de percusión da Península Ibérica. Deste xeito, a formación explora e reivindica os instrumentos de percusión, a maioría pouco coñecidos, que ao longo da historia serviron para acompañar as cancións, os romances, as festas e os bailes das diferentes culturas que conviven na península. A proposta, polo tanto, é afondar nos sons de todos estes instrumentos para crear unha linguaxe propia, inspirada nos ritmos tradicionais e nos diálogos coa voz. Para conseguilo sobre o escenario, atopamos un total de 21 músicos de Coetus, reforzados coa presenza do mestre Eliseo Parra, figura imprescindible para entender a restauración das músicas tradicionais. 

Coetus e Eliseo Parro xúntanse nesta ocasión con Luna Monti e Juan Quintero, dúo arxentino de músicos, nun proxecto que chegará a Galiza en outubro como unha experiencia pioneira e inédita no noso país

En 'Ir y venir', Coetus e Eliseo Parro xúntanse nesta ocasión con Luna Monti e Juan Quintero, dúo arxentino de músicos, nun proxecto que chegará a Galiza en outubro como unha experiencia pioneira e inédita no noso país. Trátase dunha residencia artística na que a formación ofrecerá un total dez obradoiros de formación, abertos á inscrición para músicos profesionais e afeccionados, na fin de semana do 2 ao 4 de outubro. A programación formativa desta residencia artística comezará a propia sexta feira 2 de outubro cunha sesión de Baixo Electrónico no Folclore, impartido por Guillem Aguilar. A partir dese momento, ofreceranse masterclass de Caixón flamenco, coa intérprete Acari Beltrán; Percusión Ibérica, con Aleix Tobías; Arranxos vocais, con Luna Monte e Juan Quintero, ou de Construción de Instrumentos, con Alberto Carreño.

Tres concertos e encontros co público

Durante esta residencia artística da formación, ofreceranse tres concertos nas noites do 2, 3 e 4 de outubro, todos a realizar na Casa Gasamans (Ames) ante un aforamento de 150 localidades. A primeira das actuacións será a sexta feira 2 de outubro ás 22.00 horas e nela actuarán Coetus xunto a Eliseo Parra e Luna Monti e Jua Quintero. O sábado 3 de outubro, tamén ás 22.00, os mesmos músicos subirán ao escenario. Como colofón, o domingo 4 de outubro, ás 20.30 horas, vai ter lugar o derradeiro dos concertos, neste caso de Coetus e Eliseo Parra.

Coetus ofrece, ademais, a posibilidade de pasar as tardes en encontros especiais e íntimos ao redor da música como aperitivo previo aos concertos. Deste xeito, cada unha das tardes desa primeira fin de semana de outubro irán ter lugar encontros cos músicos participantes nesta residencia artística de Coetus, nos que se realizarán improvisacións musicais, conversas e intercambios no que participarán diversos músicos galegos, ademais de contar cun café e merenda para os asistentes. Durante estas tardes musicais co grupo, tamén haberá actuacións de Xosé Lois Romero e Aliboria. 

Máis en Ao vivo
Comentarios