“Os catro independentistas só fixeron unha chamada de atención para que se respectase Galiza como pobo”

Após seis anos afastado das táboas, ao músico e cineasta vasco Fermín Muguruza, aínda non lle chegou a derradeira danza de guerra. Inmerso nunha xira mundial, regresa a Galiza para actuar no festival Revenidas de Vilaxóan de Arousa onde, asegura, se volverá demostrar “a irmandade dos pobos galego, vasco e catalán”

Co mesmo espírito contestatario de sempre, o que foi líder de bandas como Kortatu e Negu Gorriak, analiza con nós a actualidade política das nacións sen estado para as que, máis unha vez, pide o dereito de autodeterminación.


Novamente volve a Galiza. Como o tratou esta terra, a parte do concerto que tentaran cancelarlle en Compostela?
    
Bon, iso xa pasou hai anos e, desta vez, non se ergueu ningún movemento da extrema dereita para evitar que actuase. Hai uns meses, estiven na Galiza tocando no festival Reperkusión de Ourense e, agora, volvo a Vilaxoán de Arousa. Polo tanto, estou encantado. Vai ser precioso compartir escenario cos Diplomáticos de Monte Alto e estar nun festival tan internacionalista como Revenidas onde, unha vez máis, se demostrará a irmandade entre os pobos galego, vasco e catalán. Pode parecer incríbel pero, nesta xira internacional, o  único lugar do mundo no que tiven problemas gordos para facer un concerto foi en Madrid. En Valencia, tamén se produciron manifestacións impulsadas dende o Partido Popular para impediren o directo. Mais, finalmente, a liberdade de expresión tivo unha vitoria e conseguimos tocar.

Por que o consideran tan perigoso, alén de por ser vasco?

[Risos]. Pois, a parte de por ser independentista vasco, o que sei que lles produce un pequeno proído, creo que porque sempre defendín o dereito de autodeterminación de todos os pobos. Alén diso, ao colaborar en distintos proxectos e en moitos lugares do mundo, conseguín atesourar un grande número de seguidores. Así, as miñas letras, que procuran despertar o espírito crítico contra este capitalismo podre, chegaron a moita xente, prendendo a ira dos que non lles interesa que o pobo berre, que reaccione. De aí creo que nace ese odio contra a miña persoa porque se non esa obsesión é incomprensíbel.

No documental No acepto, fala da primeira vez que viñera a Galiza tocar nos anos 80. Que lembra de aquel entón?

Para nós foi moi grande chegar por vez primeira a Galiza, invitados pola xente de La Polla Records. Daquela, Kortatu non era un grupo moi coñecido e iso valeunos de impulso co público galego, mais tamén para coñecermos outras bandas de aquí como é o caso dos Diplomáticos. Tempo despois, intentamos recuperar esa idea e seguir invitando bandas para que nos acompañasen nas nosas actuacións galegas. Recordo todo aquilo como unha época moi bonita.

No Revenidas, tamén actuarán as Zuloak, grupo de mulleres que naceu dunha longa de ficción dirixida por vostede. Por que quixo adoptar un prisma feminino?

Deime conta de que a achega da muller á música contemporánea do País Vasco foi moi importante. Daí naceu a idea dunha película que mesturase ficción e realidade para contar o proceso de creación dunha banda composta por seis mozas. E, logo, o máis interesante foi, a partir deste grupo ficticio creado para a pantalla, dar o salto aos escenarios e conseguir unha xira. Para nós, foi fundamental xerar o debate da importancia da muller nun mundo tan masculinizado como é o do rock. Amais, despois de varias películas sobre músicas do mundo, quería reparar na cultura da miña terra.

De feito, seis anos levaba afastado dos escenarios. Como lle deu polo cinema?

Se un se fixa, o audiovisual sempre estivo moi presente no meu traballo, dende as primeiras épocas. De feito, o último concerto de Kortatu ao que chamamos  Azken Guda Dantza [en galego, Derradeira danza de guerra], é un aceno á película de Martin Scorssesse  The Last Waltz, na que  gravaba a despedida do grupo The Band, nun concerto no que participaban unha morea de grupos e artistas como Neil Young ou Bob Dylan. Nós fixemos algo parecido, nun derradeiro concerto con moitos colaboradores do que se fixo un resumo audiovisual. Con Negu Gorriak, o cinema tamén estivo sempre presente, quer cos videoclips, quer coas road movies que gravamos das nosas xiras.

E, logo, virían todos os documentarios musicais.

Si. No 2006, faría a miña primeira película documental sobre a música en Xamaica e despois viría o proxecto sobre a música en Palestina. Mais foi a partir de aí que a cadea Al Jazeera contactou comigo para encargarme 11 películas sobre a música nos países árabes. Após este percorrido, foi cando xurdiu o proxecto da longametraxe Zuloak en Euskadi e, logo, aliñáronse os astros para permitirme volver saír de xira após seis anos fóra das táboas [ri].


Tamén ten experiencia nos medios de comunicación como en Egin. Após 15 anos do seu peche, como senta que inda haxa traballador@s na cadea?

Eu fun columnista en Egin e tamén un dos impulsores da súa radio Egin Irratia. Aliás, fun director de todas as cadeas musicais da emisora e conducín un magazine musical de dúas horas que se mantivo inda despois do seu peche. Que cerraran este medio foi, para min, unha das formas máis dolorosas e inxustas da represión contra o nacionalismo en Euskadi. Por riba de todo porque, malia existir unha sentenza do Tribunal Supremo dicindo que este medio nunca se tivo que pechar, inda fican persoas na cárcere só por facer xornalismo.


Após os primeiros momentos de euforia ao comezar o proceso de paz en Euskadi, como está agora a situación?

Estamos nun momento de bloqueo, tanto por parte do estado español coma do francés, bastante desalentador. Após un proceso de paz, teñen que decatarse que é imprescindíbel que haxa unha axenda política que teña como primeiro punto aos presos e aos refuxiados para que poidan volver a casa. Malia que estou convencido de que a loita armada non vai volver, como non se desbloquee a situación, poden volver momentos de grande tensión. A actitude do estado español está a ser moi irresponsábel.

Tivo noticias do xuízo que decorreu na Audiencia Nacional o 25 de xuño contra catro independentistas galeg@s?

Si, estíveno seguindo e quero mandarlles todo o meu apoio. A Audiencia Nacional é un sistema absolutamente represor e ten que desaparecer xa. Agora, que en Euskadi está todo máis tranquilo, van intentar procurar terroristas na Galiza. Eu xa sei que son un terrorista [di irónico], mais esta palabra tennos que servir para desenmascarar aos que a utilizan para criminalizar e desacreditar as ideoloxías; do mesmo xeito que, nun tempo, se utilizaba a palabra comunista con igual fin. O terrorismo é o terrorismo capitalista, tamén o terrorismo do estado. Eses catro independentistas teñen que estar libres porque o seu único delito foi facer unha chamada de atención para que se respecte Galiza como pobo. O estado español ten que recoñecer, dunha vez por todas, o dereito de autodeterminación dos pobos galego, vasco e catalán.

A excepción dos primeiros discos e LP's de Kortatu, sempre utilizou o euskera para as súas cancións. Quería dar unha labazada @s que din que unha lingua minoritaria pecha portas?

Nun primeiro momento, soamente quería intentar expresarme na miña propia lingua. De feito, unha vez que nos pasamos do castelán a euskera, foi cando comezamos a movernos por toda Europa e por Latinoamérica. Logo, no entanto, de forma implícita, ao facer xiras internacionais, ridiculizamos e desacreditamos a quen di que, cunha lingua minoritaria, non se vai poder saír a tocar fóra do país.

Máis en Ao vivo
Comentarios