"Para xente coma nós poder tocar no Castañazo é un salto enorme"

Conversamos coa voz de Ex-tensión agraria, Hervy Dolfeso. Esta banda de punk-rock indíxena abrirá o escenario do Castañazo Rock 2013. O festival que acolle Chantada cada outono. Xa podes escoitar Parcelaria en Radio Sermos

Imaxe Ex_tensión agraria
photo_camera Imaxe Ex_tensión agraria

Chegan as castañas. O Magosto. E o Castañazo Rock. Este festival, que cumpre xa once anos, volverá ao Recinto do gando de Chantada o vindeiro día 2 de novembro. Após fechar os grupos que tocarán, falamos coa última das bandas en se incorporar. Ex-tensión agraria.

Rodrigo, Hervy, é a voz de Ex-tensión agraria, o grupo que completa o cartaz do Castañazo Rock 2013 após o concurso de novos creadores impulsado pola organización do festival. Xunto con Nacho, Adrián, Xermán e Martín recuperaron esta banda chairega que fora creada a finais dos '80 "por un grupo de colegas", como Hervy lembra. Aínda sen disco mais con concertos de abondo nas costas e, sobre todo, moita ilusión, din estaren cheos de "ledicia" por poder partillar escenario con bandas como Lehendakris Muertos, Nao, Che Sudaka e Bongo Botrako. 

Parabéns de antemán... 
Obrigado!

Como recibistes a noticia de que tocaríades no Castañazo rock?

Bon, a noticia recibímola xenial. Moi contentos. Temos moitas gañas. É un festival do que gostamos moito para tocar. Foi unha grande ledicia o resultado do concurso. O Castañazo é un festival deses ao que levas anos indo. Comezaron grupos moi grandes nese escenario. Para xente coma nós poder tocar en Chantada é un salto enorme.

Imaxino que é un luxo partillar escenario con grupos como Nao, Lehendakaris Muertos...
O cartaz é espectacular. Grupos como Lehendakaris aos que eu escoito desde hai moito tempo e teño como referente, poder tocar con eles é a hostia!

Desenvolvestes unha importante campaña nas redes sociais á procura de apoios, pensabades que iades ser o grupo máis votado?
Que va! Ao comezo estas cousas comezan coma unha brincadeira, mais ao final implicouse moita xente e conseguimos máis de 1.000 gostos. Xa sabes como funciona isto do Facebook. Sorprendeunos infinitamente. Ningún de nós contaba con ser o grupo máis votado. Nen nós nen os do festival [ri].

"Ningún de nós contaba con ser o grupo máis votado"

Que é iso do punk rock indíxena?
Punk-rock é o que queremos facer. Algo do que sae. E o do indíxena é que todos o somos. Todos somos indíxenas dalgures e nós estamos moi orgullosos de sermos indíxenas de onde somos, por suposto. [Ex-tensión agraria nace na Terra Chá].

Poderiamos consideralo unha evolución do rock bravú dos '90?
Para min todo evolúe do bravú na Galiza. Todos medramos escoitando a música que saía no Xabarín e a influencia deste movimento reside en todo, non só na música nen tampouco nos xéneros que evolúen del. A súa influencia esténdese para alén diso. 

No voso primeiro vídeo, Pagaralo coa salú, falades da estafa das preferentes...
O vídeo foi moi caseiro [ri]. O pelotazo foi escoitar a Argimiro [A. Martínez é membro  da Plataforma de estafad@s polas preferentes no Baixo Miño] cando descargou a súa carraxe contra o director da oficina de NovaGalicia Banco e a Garda Civil após levar o pao que levaron. El propio expresou con moita forza a ira que sofren todas as persoas atinxidas por esta fraude. Nós en Pagaralo coa salú o que quixemos foi recoller o seu testemuño.

"Todo evolúe do bravú en Galiza pois medramos escoitando a música do Xabarín"

É un aviso á banca?
[Ri ás gargalladas]. Aviso á banca? Non sei como responder... Pagarano, pagarano... Mais Pagarano coa salú é só unha maneira de expresalo, non quere dicir nada. Do que estamos certos é de que non teñen que pagar nada. Teñen que devolver o que non é seu.

Ollando o retrovisor, Ex-tensión agraria xurdiu alá polos '90 na vila de Meira, por que decidistes recuperar o nome?
Bon, foi algo de nostalxia. Era un grupo de xente de aquí [fala de Meira, un concello do interior de Lugo]. De amigos e coñecidos. Moitos de nós estabamos diariamente con eles. Facíanos ilusión recuperar un grupo co que o pasabamos moi ben de rapaces. 

Visto o éxito acadado. para cando o primeiro disco?
O primeiro disco está perto. Mais non podemos dicir cando para non rachar coa sorpresa. [Ri]. 

 

Máis en Ao vivo
Comentarios