Unha maré canta a Rosalía nos outros sotaques da nosa lingua

Amancio Prada (O Bierzo), Vítor Ramil (Brasil), Gabriela Mendes (Cabo Verde), Luiz Caracol (Portugal) e Budiño (Galiza) darán unha nova leitura á poeta nacional na nova edición do Cantos na Maré, o Festival Internacional da Lusofonía cuxa dirección artística corre da conta da galega Uxía.




Este ritmo. O ritmo dos sentimentos. O de Gabriela Mendes cando interpreta este tema tirado do seu traballo discográfico Tradiçao. É este o ritmo con que bailarán os corpos e o maxín de quen este sábado 11 de xaneiro visite o Pazo da Cultura de Pontevedra para asistir a unha nova edición do Cantos na Maré, o festival de música(s) que dirixe a galega Uxía. Desta volta será Rosalía o eixo central dun baile por volta da lusofonía onde a poeta nacional vai ser re-interpretada nos moitos sotaques da nosa lingua. 

Canda a caboverdiana Gabriela Mendes subirán ao cenario Amancio Prada (O Bierzo), Vítor Ramil (Brasil), Luiz Caracol (Portugal) e Budiño (Galiza). E no medio de tod@s, a poesía como fío condutor que une Cantares Gallegos coa vida cotiá de Cabo Verde e cos anceios familiares de Vítor Ramil, de familia galega --o avó era de Narón-- e que visita por vez primeira o noso País. 




"Remexe moito", dixo Ramil no Diario Cultural da Radio Galega ao falar do que para el supón cantar en galego e musicar a Rosalía. Puxo música a un poema que non fora aínda musicado e as notas foron xurdindo soas namentres recitaba os versos en alto. O seu é a estética do frío, a procura dunha linguaxe que fale "con propiedade" do Brasil do Sul, a súa terra, cunha imaxe moi diferente dese Brasil cálido, de entroido, festas e praias. 

Seguimos con poesía nun festival cualificado pola súa directora artística, Uxía, como "máis lírico e intimista" do que outras edicións. Coñecido é xa o Adeus ríos, adeus fontes interpretado por Amancio Prada, que tamén se ouvirá neste Cantos na Maré. A estas voces súmase o acento do galego da Galiza, o de Budiño, desta volta na súa faceta máis lírica. 




O repaso polos sotaques que se escoitarán no Pazo da Cultura de Pontevedra remata nel, en Luiz Caracol. Lisboeta que mistura ritmos angolanos, mozambicanos ou caboverdianos, puxo música a Mía Couto ou Pessoa. Falando para o citado programa da radio nacional galega, dixo que tamén é esta a súa primeira vez na Galiza e destacou o importante papel que este festival para a difusión da música lusófona.

"Os meus pais vivían en África e sempre houbo moita mistura de música do Brasil coa daqueles países", sinalou. Con Gabriela Mendes interpretará un poema que musicou de Pessoa e tres temas do seu novo disco, Devagar. Dese traballo foi tirado o tema do vídeo musical que colocamos e que leva por título Samba do Bairru

Nota: estes temas son para bailar 'a lume lento'. Disque é ese ritmo dos sentimentos.

Máis en Ao vivo
Comentarios