Cantos na Maré pon o público en pé no 10º aniversario

O Festival galego da lusofonía celebra o seu décimo aniversario co público cantando o "parabéns para voçê".
Cantos na Maré 2013

Outro ano máis, e van dez, o encontro internacional da lusofonía esgota todas as localidades e enche o auditorio do Pazo da Cultura de Pontevedra. Desta vez como convidad@s Chico César do Brasil, Cheny Wa Gune de Mozambique, Rui Veloso de Portugal e Sés da Galiza. Acompañad@s por unha banda de luxo formada por Paulo Borges (Açores), Berg (Portugal), José Manuel Díaz (Cuba), Quiné (Portugal) e Sérgio Tannus (Brasil) comezaron e remataron, como xa é tradición coa peza de Uxía, Cantos na Maré. A cantante de Mos, madriña deste festival, interpretou en solitario unha fermosísima "Rosa Namorada" e outra non menos emocianante "A Quimera". 

O inicio do concerto foi galego coas actuacións de Uxía e Sés. Logo foron Cheny Wa Gune, con temas como "Chedzane" e "Jindji jindji". Após Chico César, o primeiro director artístico deste encontro hai dez anos, quen quentou a noite con Cheny Wa Gune e a peza "Berader"o. Chegaba a metade do concerto coa primeira colectiva, "Mandela", con Chico César, Cheny Wa Gune, Uxía e Sés. Mais aínda virían sorpresas. Foi a intervención especial de Dani Black e as colaboracións sorpresa que non estaban anunciadas: Narf (Fran Pérez) tocou un tema seu, "Zemanbiquo", xunto a Dani Black, e a cantante angolana Aline Frazao, que foi artista convidada na edición de 2010 e que nesta participou no tema "Fado pessoano" de Rui Veloso.

O público acabou en pé coreando o "parabéns para voçê" para celebrar o décimo aniversario de Cantos na Maré. A festa da Lusofonía goza de moi boa saúde e promete acompañarnos moitos anos máis.

Imaxe: María Albert

Máis en Ao vivo
Comentarios