A CRÍTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

Boyhood, obra maestra nunha viaxe da infancia á mocidade en tempo real

Un actor que medra perante as cámaras. Literalmente. Durante 11 anos. Un proxecto case sen precedentes. Un filme poderosísimo.

boy

BOYHOOD
Ano: 2014
Duración: 165 min.
Coprodución: Reino Unido
Director: Richard Linklater
Guión: Richard Linklater
Fotografía: Lee Daniel e Shane F. Kelly
Elenco: Ellar Coltrane, Patricia Arquette, Ethan Hawke, Lorelei Linklater, Marco Perella, Jenni Tooley, Jamie Howard, Jennifer Griffin, Jordan Howard, Brad Hawkins, Elijah Smith, Zoe Graham, Richard Robichaux, Charlie Sexton

SINOPSE
Mason (Ellar Coltrane) é un rapaz de 6 anos que vive coa súa nai (Patricia Arquette) e a súa irmá maior Samantha (Lorelei Linklater). O seu pai (Ethan Hawke) vai recollelos cada dous fins de semana. Ata a súa chegada á universidade vai ter que adaptarse a unha vida chea de cambios.

CRÍTICA

Proxecto cinematográfico de corredor de fondo que abarca unha rodaxe desde maio de 2002 ate agosto de 2013, nun total de 45 días de rodaxe para contar a vida “en tempo real” dun mozo desde a súa infancia ate o paso a idade adulta. Richard Linklater (Escola de Rock, Antes do anoitecer) acadou un dos contratos máis curiosos do mundiño. Non é normal presentar un proxecto de tal calibre e a tan longo prazo e que se aprobe sen máis. E por riba de conseguir isto o fixo coa suficiente liberdade no plano creativo como para faceren o que quixer. Iso si, o proxecto requiriu pola súa banda certa adecuación aos acontecementos e tamén saber lidar cos cambios no elenco, tanto de aspecto, motivación dos actores e demais circunstancias aos que tivo que se ir afacendo sobre a marcha. Había guión, si. E con moito de autobiográfico de Linklater, tamén. Non por nada se desenrola en lugares comúns onde creceu.

 Linklater logrou condensar 12 anos de rodaxe nunha película que apenas ten fisuras. A película hipnotiza

O guión sempre tivo que estar aberto a posibles modificacións. Un simple exemplo: para o papel da irmá da protagonista acabou contando coa súa propia filla Lorelei tras moito insistir esta a pesar da súa corta idade. Linklater accedeu e houbo a química necesaria para que a cousa funcionase. Mais anos despois as gañas de participar da filla foron decaendo e acariñou a idea de abandonar o proxecto. O director estivo a piques de matala (no guión) mais ese feito precipitaría os feitos cara á ese suceso. Sorte que a Lorelei lle volveron as gañas e non se tivo que tomar a drástica decisión. Non se pode chegar a entender toda a magnitude de Boyhood sen ter en conta todo o que levou facela. Supoño que cando saia o DVD cos extras, entrevistas e o pertinente “detrás da cámara”, poderase afondar máis nesta odisea.

O director hindú Satyajit Ray xa fixera algo parecido na triloxía de Apu entre 1955 e 1960 formada por A canción do camiñoO invencible e O mundo de Apu

Canto á historia, trata sobre unha familia desde o punto de vista de Mason, un rapaz de 6 anos (Ellar Coltrane) que vai crecendo até chegar á universidade. A relación coa irmá (Lorelei Linklater), os problemas da nai separada (Patricia Arquette) para sacar adiante a familia, a relación co (case) desaparecido pai (Ethan Hawke) que pasa un de cada dous fins de semana cos fillos, as mudanzas, a adaptación ao instituto, o contacto co alcohol e as drogas, o espertar sexual, o primeiro amor... En fin, a vida mesma dun rapaz calquera que vai cubrindo etapas e fases até chegar á universidade e comeza a atopar o seu sitio no mundo. Todo isto pasa diante do espectador que asiste abraiado coma todo o reparto vai crecendo, madurando e cambiando de aspecto. Non só se percibe o paso dos anos a través do aspecto físico, senón que ao escoitaren música (Britney Spears, Foo Fighters, Lady Gaga), falaren de cine (Harry Potter, as “novas” de Star Wars, Tropic Thunder), xogar a videoxogos (Nintendo DS, Wii) ou viviren acontecementos históricos (como a elección de Obama), sitúan o momento nun tempo e espazo determinado ao longo deses anos que durou a filmación. E o mellor de todo é que non tiveron que recrealo -coma é o habitual- senón que todo iso está a pasar nese preciso momento no que se rodou. Viviron iso mesmo nese mesmo espazo temporal. Abraiante.

Non sobra ningún plano

Porén, non é a primeira vez que se fai algo así. O director hindú Satyajit Ray xa fixera algo parecido na triloxía de Apu entre 1955 e 1960 formada por A canción do camiño, O invencible e O mundo de Apu, e o tema de ver crecer dentro dunha historia pasa en calquera teleserie ou sitcom. Pero Linklater logrou condensar 12 anos de rodaxe nunha película que apenas ten fisuras. Por momentos pode parecer que se está a ver unha serie, pero iso sería quedarse moi na superficie. A película hipnotiza. As personaxes teñen ese ollar familiar de comprensión, aceptación, respecto e amor no que a liña entre o amor e o odio non están moi lonxe. Todo con esa naturalidade que só poden ter as persoas que se senten moi próximas. Linklater acadou iso á perfección. Xa apuntaba maneiras coa triloxía de Antes de… (da que Boyhood ben podería ser a precuela), pero agora destápase por fin como un dos mellores directores de actores das últimas décadas. Actores soberbios. Banda sonora brutal. Fotografía excelente. E por riba non sobra ningún plano. Se isto xa é difícil para un filme “normal”, imaxínense nun que levou rodar 12 anos. Toda unha experiencia e unha Obra Mestra desde xa.

Máis en Ao vivo
Comentarios