Boimorto e Luz Casal solidari@s no rural

A cantante organiza esta fin de semana un festival para devolverlle ao pequeno pobo no que naceu todo o agarimo que os seus paisanos lle brindaron. Dover, Rosendo, Vega e Chris Barron, entre outr@s actuarán no 'Festival de la Luz'. A recadación das entradas destinarase a unha causa solidaria: a loita contra o cancro.
Cartaz Festival de Luz en Boimorto
photo_camera Cartaz do Festival de Luz Casal en Boimorto

Non están os tempos como para organizar grandes eventos musicais e menos se son de nova creación. O que se está a celebrar en Boimorto esta fin de semana é algo diferente, especial. Luz Casal convídanos a partillar o seu espazo vital, o lugar onde naceu, a súa casa, Andabao, para asistir a dous días intensos coas mellores bandas de música e cantantes do momento.

As amizades de escenario non faltaron a esta cita e pola pequena aldea pasarán, en dous escenarios diferentes, hoxe a propia Luz Casal, Vega, Di Elas, Luar na Lubre, Eladio y los seres queridos, Eme DJ, Mäbu, Riff Raff e Ith, Soledad Vélez, Lorena Álvarez, Alondra Bentley, Davile Matellán e El Viejo Caracol. o domingo será o día de Anni B Sweet, Boat Beam, Stereotipos, Jane Joyd e Rubén Moinelo, Rosendo, Dover, Chistina Rosenvinge, Chris Barron, Basia Bulat, Novedades Carminha e Nova Galega de Danza.

O máis importante é o destino das entradas a unha causa solidaria: a loita contra o cancro

Algo máis ca música
O Festival de la Luz aposta pola multifuncionalidade. Un mercado alternativo potenciará as outras maneiras de vivir no rural. A idea é que neste espazo, durante o festival, varias empresas da zona mostren os seus produtos e servizos. "Non se tratará de simples casetas expositivas, será un mercado de experiencias", explican desde a organización. Entre os sectores que estarán presentes hai de todo: gastronomía, novas tecnoloxías, enerxía e medio ambiente e tamén servizos.

Mais o encontro musical e a propia difusión de alternativas comprometidas co medio rural non son a razón máis importante. O máis importante é o destino das entradas a unha causa solidaria: a loita contra o cancro. A cantante galega asegurou que o evento terá continuidade. Tod@s agardamos que así sexa.

Máis en Ao vivo
Comentarios