A CRÍTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

Birdman, unha obra mestra que é moito máis que un plano secuencia

Birdman é un filme diferente, pleno de achados técnicos e tamén dramáticos. Traxicomedia, parte como grande favorita nos Óscars 2015, canda Boyhood. Pasen e vexan.

birdman
photo_camera Un fotograma do filme


Título orixinal: Birdman or (The Unexpected Virtue of the Ignorance)
Ano: 2014
Duración: 119 min.
Nacionalidade: estadounidense
Director: Alejandro González Iñárritu
Guión: Alejandro González Iñárritu, Nicolás Giacobone, Alexandre Dinelaris, Armando Bo
Fotografía: Emmanuel Lubezki
Música: Antonio Sánchez
Elenco: Michael Keaton, Edward Norton, Emma Stone, Naomi Watts, Zach Galifianakis, Andrea Riseborough, Lindsay Duncan, Amy Ryan, Jeremy Shamos, Natalie Gold, William Youmans

SINOPSE
Riggan (Michael Keaton) é un famoso actor recordado por interpretar a Birdman, un súperheroe de principio dos 90. Tras anos de esquecemento vivindo de rendas tratará de relanzar a súa carreira dirixindo, protagonizando e adaptando en Broadway unha obra de teatro de Raymond Carver.

CRÍTICA

Hai moitas razóns polas que podes estar lendo esta crítica, pero se é cinéfil@ recomendaríalle encarecidamente, “e sen que sirva de precedente”, que a deixe de ler inmediatamente e vaia pillando xa unha entrada para a próxima vez que teña ocasión de ir ao cine. Ben, tampouco pasa nada se segue lendo porque non vou desvelar nada, pero prefiro avisar. Birdman é desas películas que se gozan mellor canta menos información se teña dela. O certo é que se pode contar cos dedos dunha man as veces que se sae dunha película coa sensación de estar mirando algo fora do común. Algo grande. Nos últimos anos véñenseme á cabeza: A Árbore da Vida (2011, Terrence Malick), Gravity (2013, Alfonso Cuarón) e Boyhood (2014, Richard Linklater). Filmes que non teñen nada en común, salvo que son diferentes ao que se vira ate o momento. Filmes únicos que destilan puro cine. Filmes nos que detectamos ao mesmo tempo de que os estamos vendo que son absolutas obras mestras. Películas imperecedoiras que dan esa sensación inmediata e perdurable no tempo de grandiosidade que fan precisamente que se poidan considerar obras mestras. É iso nos tempos que corren non é nada habitual...

Iñárritu decántase máis pola técnica ao estilo Hitchcock en A Soga: planos secuencia longos unidos sen que o pareza

Loxicamente para gustos, cores e todo iso, pero esa é outra historia. Birdman anda nesa liga de películas novas e sorprendentes que nos deixan cravados á butaca e cos ollos como pratos ao saír do cine. Para empezar Birdman é un prodixio da técnica. Dúas horas de película que parecen un único plano secuencia. Impresionante... Obviamente non é un só plano secuencia. Sería imposible tal e como transcorre a película. Até o de agora películas nun só plano secuencia só o acadou Alexandr Sokurov en A Arca Rusa, toda unha experiencia por certo. Alejandro González Iñárritu decántase máis pola técnica ao estilo Hitchcock en A Soga: planos secuencia longos unidos sen que o pareza, pero coa dificultade engadida de que a acción de Birdman non transcorre só dentro dun recinto pechado nin nun só día. Hai exteriores e tamén pasan os  días. Para lograr que a cousa non rechíe houbo un minucioso traballo de planificación milimétrica previa e un extraordinario traballo de edición e coloreado de imaxe, co fin de que o cambio de luz non afectara á continuidade da toma. Un reto que Iñárritu se empeñou desde o principio do proxecto e que case todo o mundo cría imposible. Pero hai que dicir que o logrou. Bravo. Mais a cousa non queda só nun prodixio técnico. Hai unha sensacional historia arredor do mundiño do espectáculo, onde Iñárritu non deixa monicreque con cabeza: actores, actrices, público, redes sociais, críticos, prensa, directores... Iñárritu despáchase a gusto. Incluso consigo mesmo... Comedia de “cine dentro do cine” desde unha perspectiva libre de prexuízos a un altísimo nivel acorde coa mesma comedia da vida. Interpretacións de dez (non só Michael Keaton), humor mordaz, fotografía, música, guión e diálogos en perfecta conxunción e sintonía que fan que, ex-aequo con Boyhood de Richard Linklater, sexa a mellor película do ano. E até aquí podo ler. Iso si, non me fagan como a familia que tiña ao carón na sala que levou ao fillo pensando que Birdman era unha de súperheroes da Marvel. Moi graciosa a cara do rapaz ao remate da película... aínda que fixo que co tempo agradecerá este “erro” dos seus pais.

Máis en Ao vivo
Comentarios