FESTIVAL DA LIBERDADE (CANGAS)

"Aliñáronse todos os planetas para que isto saíse adiante, non pode faltar ninguén"

A organización do Festival da liberdade anima a todo o mundo a achegarse a vindeira fin de semana a Cangas para gozar da música mais tamén, dunha contorna natural "espectacular". 

Sokram

Apunten nas axendas o 18 e 19 de setembro porque Cangas do Morrazo converterase no epicentro musical do país coa primeira edición do Festival da liberdade. 

Unha xornada dupla de música coa que despedir o verán ou dar a benvida ao outono na que gozar, tamén, sinalan desde a organización en conversa con Sermos Galiza, dunha "contorna natural espectacular". 

Con oito actuacións o sábado e nove o domingo @s organizadores aseguran que se "dan todas as condicións para que sexa un festival especial". E o cartaz non defrauda. Nel partillan espazo bandas consolidadas da escena internacional como Habeas Corpus, KOP, Zoo ou Boikot, mais tamén grandes grupos nacionais como Nao, Liska!, Sokram e outros de forte impronta, como Mini e Mero

"Danse todas as condicións para que sexa un festival especial"

"Aliñáronse todos os planetas para que isto saíse adiante", sinalan desde a organización pregundad@s polo número e diversidade de bandas coas que contará o Festival da liberdade. "Non pode faltar ninguén", aseguran. 

As entradas poden mercarse en distintos puntos de venda ao longo do país dos que dan conta na súa páxina web. A recadación, explican, diríxese a financiar os custos do festival que contarán con zona de acampada nun pavillón municipal e unha carpa por se o tempo decide non acompañar. "Estamos na Galiza, as previsións dan sol mais aquí, nunca se sabe". Porén, "só un grande temporal podería pór fin á festa", din. 

Máis en Ao vivo
Comentarios