Agoraphobia conseguen financiar o seu segundo álbum a través de crowdfunding

Son cinco mozas de Boiro que fan garage-rock, xa gañaron o VodafoneYu Music Talent, estiveron no festival SXSW de Austin (Texas) e agora están a gravar o seu segundo EP despois dunha campaña de crowdfunding na que conseguiron o diñeiro necesario para lanzar 'Ready to play'.

agoraphobia
photo_camera Agoraphobia

Agoraphobia son Susana, Paula, Lucía, Aislinn e Sabela e levan dous anos tocando xuntas e xa andaron polo mundo coa súa música ao lombo. Gañar o VodafoneYu Music Talent permitiulles gravar o seu primeiro EP, 'Dirty little things', e agora botáronse ás novas fórmulas de financiamento para sufragar os gastos do seu segundo traballo, 'Ready to play'.

Neste momento, cando veñen de conseguir o seu obxectivo na campaña de crowdfunding (sobrepasaron amplamente os 4.900 euros que precisaban), están a gravar os cinco temas do seu vindeiro EP no Global Music Studio de Madrid, con Carlos Sáinz como produtor musical. Case 200 persoas de todo o mundo achegaron o diñeiro necesario, incluíndo músicos e personaxes coñecidos que apoiaron a súa chamada, como Tonhito de Poi ou Luís Tosar.

A orixe de Agoraphobia remóntase ao ano 2006, cando eran só un grupo de amigas do instituto que gostaban do punk e de facer as súas propias cancións. Daquela fixeron a súa primeira maqueta autoproducida, de feitura punkarra, e comezaron a subir aos escenarios. 

Logo a banda foi evolucionando, houbo cambios nas súas integrantes e viraron cara ao garage rock, o que os levou ao VodafoneYu Music Talent 2013, o SXSW de Austin, o Son Rías Baixas, o Música Xove ou o Curota Sound, compartindo escenarios con Delorean, Lori Meyers ou Heredeiros da Crus

Máis en Ao vivo
Comentarios