HOMENAXES NO ANIVERSARIO

A obra de José Afonso regresa 25 anos após a súa morte

Cos seus primeiros traballos inaugúrase en Portugal a reedición da obra de Zeca Afonso, no 25 aniversario da súa morte. En Compostela o 10 de maio celébrase a homenaxe Terra da fraternidade que conmemora os corenta anos de Grândola Vila Morena. En Salvaterra o día 28 será lembrado polos amigos galegos.
Grândola foi o a banda sonora do 25 de abril
photo_camera Grândola foi o a banda sonora do 25 de abril

Cantares de Andarilho e Contos velhos, rumos novos inauguran neste mes de abril a reedición da obra de José Afonso cando se cumpren os 25 anos da súa morte. En Compostela prepárase tamén para o 10 de maio o grande concerto Terra da fraternidade que conmemora os corenta anos da estrea na cidade do Grândola Vila Morena, banda sonora do 25 de abril.

A través da editorial Orfeu durante todo este 2012 e comezos do 2013 verán a luz remasterizados os once álbums do Zeca Afonso, publicados entre o 1968 e o 1981. Despois dos dous primeiros traballos discográficos que inauguraron a carreira do cantor nos que xa se aprecian os seus ritmos tomados da tradición portuguesa e dos sons africanos, no mes de maio chegarán ao público tres novos títulos, Traz outro amigo também, Cantigas de Maio e Eu vou ser como a toupeira publicados nos tres primeiros anos da década dos setenta.

Venham mais cinco, Coro dos tribunais e Com as minhas tamanquinhas páranse á venda en outubro para rematar o programa xa no ano 2012 coa publicación de Enquanto há força, Fura fura e Fados de Coimbra que completa a obra editada do máis popular cantor portugués.

No Burgo, en 1972

 O corenta aniversario da interpretación no Burgo das Nacións do Grândola Vila Morena, considerada a estrea mundial, é o motivo da homenaxe que se lle tributará no Auditorio de Santiago o próximo 10 de maio. Co título Terra da Fraternidade arredor de cen artistas participan nesta gala “colaborativa, multidisciplinar e chea de cariño para o cantautor portugués”. Unhas trinta actuacións comporán o cartel do espectáculo, entre elas, as de Uxía, Aline Franzao, Fran Pérez, Vituco, Xurxo Souto, Xico de Carinho, Ses e Bocixa, Guadi, Xabier e Guille Fernández, Ugía e Fred Martins ademais do cantor portugués Joao Afonso, sobriño do Zeca. Doutros ámbitos das artes escénicas, nomes como os de Quico Cadaval ou Carlos Blanco contribuirán a darlle forza á homenaxe galega a José Afonso.

Amigos en Salvaterra

Xico de Cariño e Suso Iglesias, amigos galegos do Zeca, estarán xunto con Alípio Nunes, concelleiro en Valença na homenaxe que o día 28 organiza a Sociedade Cultural e Desportiva do Condado en Salvaterra. Alén do encontro, a xornada de homenaxe completarase, entre outras actividades, cunha festa infantil e un concerto con O Leo e De outra Margem.

Máis en Ao vivo
Comentarios