LEO, SÉS, XURXO SOUTO E MIGUEL MOSQUEIRA

A letra con música entra

Seguen a Ronselzt, citan a Celso Emilio, a Dylan ou a Boris Vian, non esquecen aos Resentidos e algún devece pola literatura medieval. Son Xurxo Souto, O Leo, Sés e Miguel Mosqueira que se xuntaron para falar de músicas con letra.

 

Xurxo Leo
photo_camera Riobo Prada

A referencia tomouna Xurxo Souto de Luísa Villalta quen, no seu libro Detrás da música, a poesía, explica a historia da literatura galega en clave musical. Ao seu carón tiña a tres das persoas que máis están a revolucionar o panorama musical dos novos tempos. O Leo, de Leo e Arremecaghoná, María Silvar de Sés e Miguel Mosqueira das Ataque Escampe, que viña de conmemorar o décimo aniversario do grupo. Coñecidas polos seus traballos e polas actuacións en locais diversos, Xurxo revelou un dato que moi pouca xente sabe: licencíaronse en filoloxía.

“A literatura é vida e a música é unha das pontes”, comentou O Leo para iniciar o debate. “Necesitamos fórmulas de afirmación identitaria e se son lúdicas mellor” espetou María para quen as cancións fan que “a xente interiorice contidos que doutra forma non faría”. A corpo aberto Sés teorizou coa mesma forza que canta os seus temas e dixo que “a lingua ten unha dobre condición como idioma e como elemento cultural no que o pobo se reafirma e isto en nacións sen estado como a nosa é moi importante”.

Temperou o debate Miguel Mosqueira ao falar de música e literatura como “códigos distintos, quen escribe a letra dunha canción non ten que facer un bo poema”. Tamén a distancia se mide na rima. “Na poesía do século XXI será un un por cento a que ten rima consoante e as cancións que non a teñen serán tamén un un por cento, a poesía ten outra liberdade” afirma o músico das Ataque. Pero aí estaba María Silvar para volver achegar os rexistros e recomendarlle ler á xente que fai letras. “Non hai razón para non facer unha boa letra para unha canción agás a incapacidade. Se queres facer música, pois escoita música e se queres escribir letras, pois le”. Así de claro.

Ronselz e os Resentidos

Os referentes son tantos que levan á erudición. Sés menta a Dylan, Leonard Cohen, Boris Vian, as cancións tradicionais e, en especial, aos “grandes” O Leo e Ugía, dos mellores artistas internacionais que ela coñece. Para o Leo, que devece coa literatura medieval, Celso Emilio conseguiu “adiantar a retórica do rap, adiantar o punk”. Xurxo Souto coincide en afirmar que do autor da Longa Noite de Pedra “vive a música galega contemporánea” e que, na historia cultural galega, a “música abre camiños inéditos para a poesía”, como aconteceu con Rompente e os Resentidos. A Miguel Mosqueira, os Resentidos servíronlle, por exemplo, para entrar no mundo literario de Ferrín e por iso agora recomenda que a música entre nas aulas como mecanismo de animación á lectura. “Todo vale mentras haxa emoción” concluiu Xurxo Souto no debate celebrado no marco das XXIII Xornadas de Lingua e Literatura organizadas pola CIG-Ensino e AS-PG en Compostela.

 

 

 

Máis en Ao vivo
Comentarios