40 anos de Born to Run, catro décadas sen parar de correr

Este 2015 é pródigo en aniversarios musicais. Faise o 50 de Rubber Soul, disco imprescindíbel na evolución de The Beatles, e este 25 de agosto fíxose o 40 do Born to Run de Bruce Springsteen, para o groso da crítica a obra mestra do heroe musical da working class norteamericana.

Born to Run
photo_camera Born to Run


39 minutos e 22 segundos. 8 cancións. Born to Run apareceu nas loxas o 25 de agosto de 1975. Aquel era outro mundo. O rock era a raíña indiscutíbel entre as músicas populares. O rap nen se podía intuír. Apenas facía 5 anos que se desfixeran os Beatles. O rock norteamericano branco urbano procuraba un referente, en plena decadencia de Elvis. Born to Run veu encher o oco. E a gañar o favor aínda máis da crítica do que do público (e iso que o disco foi un suceso comercial: empoleirouse até a terceira praza no Billboard 2000).

Musicalmente, é un álbum de ton barroco, abondo influído polo legado de Phil Spector, o produtor que alcuñou o muro de son característico dos seus traballos con The Beatles. As letras están moi traballadas e remiten para a épica da clase traballadora sobre a que Springsteen alicerzou a súa carreira de vate urbano.

40 anos despois, Born to Run fica como un disco de culto. No futuro que imaxinou Landau Springsteen continúa a reinar e sen herdeiro coñecido

En realidade, con Born to Run Springsteen puxo o ramo á profecía auto-cumprida do crítico de rock de Rolling Stone Jon Landau, quen, após asistir por vez primeira a un concerto do músico de New Jersey, escrebeu unha frase que ficou xa na historia da música popular norteamericana "Vin o futuro do rocanrol e o seu nome é Bruce Springsteen".

40 anos despois, Born to Run fica como un disco de culto. No futuro que imaxinou Landau Springsteen continúa a reinar e sen herdeiro coñecido: talvez o problema non está nos roqueiros, senón no propio rocanrol, destronado por músicas como o rap ou o hip hop. 

Máis en Ao vivo
Comentarios