@s viquing@s chegan a Catoira con ganas de festa

A Romaría viquinga de Catoira celebra este ano a súa 52º edición. Libros, teatro, música e moita festa nas Torres do Oeste.

A idea de celebrar un feito histórico cruel, as incursións normandas que aproveitaban o seu potencial marítimo e militar entre os séculos IX e XII para visitar as costas galegas en busca de riquezas, non deixou indiferente nin ao propio Cunqueiro. Un texto do escritor mindoniense abre o programa da festa que xa quentou motores abrindo as primeiras actividades a mediados de mes. O certo é que dunha festa case anecdótica hoxe pasou a ser referente no verán galego con miles de visitantes.

Por terceiro ano consecutivo realizouse o curso de dirección de banda Romaría Viquinga que rematou o 20 de xullo e outro de formación de promotores de saúde física e psicolóxica que aínda ten continuidade até o 2 de agosto. Tamén como parte da programación da festa realizouse a IX Rapa das bestas do Xiabre os días 28 e 29 de xullo, organizada pola A.C. Cabalar do Xiabre. A pintura está presente cunha exposición de Xavier Magalhaes que comezou o 15 de xullo e remata o 15 de agosto (Sala de exposicións do edificio multiusos). Mais a semana forte é a primeira de agosto que remata co asalto ás Torres do Oeste o domingo 5 de agosto.


Teatro e libros
O Teatro Infantil ocupará o recinto das Torres de Oeste con tres actuacións: O país de Halloween (31 de xullo), Canto Amor! (1 de agosto) e Funeral de morte (2 de agosto). Todas as representacións comezarán ás 20:30 horas.
Máis ambiciosa é a obra Hendrik o Cruel de Xurxo Ferreirós, dirixida por Fátima Rey.  Unha historia de amor, loitas, traizón e supervivencia que se representará entre o 30 de xullo e o 3 de agosto (22 horas), unha representación que conta con 42 personaxes e 35 extras.

Na festa da Romaría Viquinga presentaranse dous libros no recinto das Torres do Oeste. O primeiro será "Catoira, chave e selo de Galicia” (Teófilo Edicións) do fotógrafo Ramón Baamonde, o 2 de agosto ás 21:30 horas. A publicación é un un percorrido fotográfico por este municipio da comarca de Caldas a través das súas parroquias: San Mamede de Abalo, San Miguel de Catoira, San Pedro de Dimo e Santa Baia do Oeste; así como por fermosas paisaxes naturais, salientando os seus bosques mestos, as atractivas rutas dos ríos Freixeiro e Souto,  ou a lagoa das Pedras miúdas, que se engaden ás súas praias fluviais e marismas.

O seguinte libro coincide co pregón do autor, Francisco Narla, que presentará "Assur: O peregrino que voltou do xeo. Unha epopea viquinga na Reconquista" (Editorial Temas de Hoy) o día 3 de agosto ás 21:30 horas. Unha novela de aventuras en formato best seller con apuntamentos épicos sobre as invasións normandas.



Desembarco
A fin de semana, días 4 e 5 de agosto, son os máis importantes da celebración. O sábado terá lugar a cea viquinga e a comitiva de fachos, cunha dramatización do conxuro e degustación de queimada con espectáculo de Arca, para rematar cun concerto dos Vikinsons.
O día grande é o domingo 5 de agosto que comezará pola mañá cun pasarrúas de grupos folclóricos da praza do Concello até as Torres de Oeste, unha degustación de mexillóns acompañada de viño tinto do Ulla no mercado medieval e a actuación de Troula Animación. O desembarco viquingo será ás 13 horas para rematar no xantar campestre. Outro ano máis, como dixo Cunqueiro, poderemos “comer co rei dos viquingos (...) unha empanada de xoubas”.

Máis en Ao vivo
Comentarios