A costa de Xove

O  Concello de Xove está situado na Mariña, no tramo costeiro coñecido como Arco Cantábrico, chamado tamén Rías Altas, coa costa orientada ao norte, á beira do mar Cantábrico.

O litoral esténdese entre as rías do Lieiro e de Viveiro, das que tamén ocupa parte das bocas (na de Lieiro desde a praia de Paraños á punta de Morás e na de Viveiro desde a punta de Portonovo á punta Mansa), en total uns 25 quilómetros de cantís, os da parte exterior por enriba dos 50 metros de altura en moitos puntos, moi recortados, dos que sobresaen as puntas de Morás, Merixe, Roncadoira e Mansa, a illa de Ansarón e a saída ao mar do rego de Esparaños, en Portocelo. Entre os cantís fórmanse seos que acollen coídos e areais.

Paraxe: A Mariña Occidental / Concello: Xove / Dificultade: Baixa / Percorrido: 
30 quilómetros
 

Unha pequena parte do litoral está protexida no LIC e ZEPA Costa da Mariña Occidental: desde Os Cangrexeiros até o linde do concello con Viveiro (agás a enseada da Regodela) e as áreas mariñas limítrofes.

Podemos achegarnos aos puntos de máis interese facendo un percorrido duns 30 quilómetros, incluídos os desvíos, e unhas cantas camiñadas. Comezamos na praia de Lago e de alí imos ao portiño de Morás, logo, por pista de terra, até a punta de Morás.

De volta no porto collemos o primeiro desvío á dereita para ir á Aldea de Abaixo e nela á dereita unha estradiña da que, pasada unha curva á esquerda e antes de entrarmos noutra tamén á esquerda, temos, á dereita, unha pista de terra que nos achega ao mar en fronte da illa de Ansarón.

De volta á estrada seguimos á dereita para pasar pola Aldea de Arriba, e collemos, ao chegarmos ás casas, o desvío da dereita, polo que saímos á estrada. Uns metros adiante temos un desvío á dereita que nos leva a Canelas e a Portocelo. Antes de chegar a Canelas hai un desvío á dereita, por unha pista de terra, que nos permite achegarnos á punta Merixe.

De novo na estrada pasamos Canelas e chegamos á praia de Portocelo. Rodeamos o esteiro e collemos o primeiro desvío á dereita para ir ás ruínas da capela de San Tirso e nel o do porto. De San Tirso imos a Vilachá para coller a estrada de punta Roncadoira, desde onde podemos gozar dunha panorámica de case toda a costa.

Volvemos a Vilachá e por unha pista de terra en bo estado podemos achegarnos á punta Mansa. De novo en Vilachá, a non ser que queiramos aventurarnos por un ir e vir de camiños, unha vez que saímos da localidade collemos o primeiro desvío á dereita para ir a Ceranzos, ao pé do que se atopan as praias de Muiñelos e de Esteiro. Desta seguimos camiño para chegar ao desvío, de terra, á praia de Portonovo, xa en Viveiro, pero que se atopa ao abrigo do illote de Portonovo, que é o límite dos concellos, onde rematamos o percorrido.

Máis en Andar e Ver
Comentarios