28-M

Rueda aproveita a xornada para pasear en moto e pide reflexionar "con sentidiño"

O presidente do PPdeG participou nunha concentración moteira na xornada de reflexión.

Alfonso Rueda en Bueu (Foto: Nós Diario).
photo_camera Alfonso Rueda en Bueu (Foto: Nós Diario).

O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, aproveitou esta xornada previa aos comicios locais para participar no municipio de Bueu, nunha concentración moteira organizada polo Motoclub Moteiros do Morrazo e pediu reflexionar "con sentidiño".

O líder dos populares galegos estivo acompañado polo presidente provincial do PP de Pontevedra, Luís López, e pola candidata á alcaldía, Elena Estévez.

"Recoñezo que uso menos a moto do que me gustaría. Así que hoxe, despois de semanas intensas, pasar a xornada en Bueu cos amigos do Motoclub Moteiros do Morrazo é máis que un gustazo", publicou na súa conta de Twitter.

Pola súa parte, a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, valorou "moi positivamente" a "magnífica" campaña do PPdeG.

Prado salientou que a campaña contou con "moitísima participación" nos actos organizados por todo o territorio.

Para este domingo, Prado espera que esa participación se traduza "en votos". "Xogámonos moito, xogámonos o futuro de catro anos para cada un dos 313 concellos da Galiza", expuxo.

Comentarios