28-M

Denuncian irregularidades electorais do PP en Friol e en Abadín

O PSdeG de Lugo acusa aos alcaldes destes dous municipios de incumprir a lei de protección e datos e pedir o voto durante a xornada de reflexión, respectivamente.

Casa do Concello de Friol, comarca de Lugo (Foto: Nós Diario).
photo_camera Casa do Concello de Friol, comarca de Lugo (Foto: Nós Diario).

O PSdeG de Lugo comunicou este sábado que denunciou ante a xunta electoral irregularidades electorais supostamente cometidas polos alcaldes e candidatos á reelección do PP nos municipios de Abadín e de Friol.

No primeiro caso, o candidato socialista, Pablo Díaz, presentou este sábado unha denuncia ante a Garda Civil tras ter coñecemento, segundo apuntan desde o PSdeG, de que o candidato do PP, José María López Rancaño, pediu o voto durante a xornada de reflexión, polo que incumpriría a norma que regula o proceso electoral.

Ao mesmo tempo, o PSOE tamén comunicou estes supostos á xunta electoral de zona de Mondoñedo.

No caso de Friol, os socialistas denunciaron ante a xunta electoral de zona de Lugo que o alcalde e candidato do PP no municipio, José Ángel Santos, enviou a cada domicilio propaganda electoral, en formato revista, "usando datos persoais dos veciños".

Un envío que, segundo sinalan, realizouse con anterioridade ao que todas as candidaturas realizaran co sobre de votación e a carta do candidato.

Así, o PSdeG local sospeita que o rexedor puido utilizar o padrón municipal para obter os datos da veciñanza, algo que incumpriría a lexislación.

Na denuncia, explica o PSdeG lucense, tamén se pide á xunta electoral que comunique estes feitos á Axencia Estatal de Protección de Datos para a súa posíbel actuación e que se traslade do mesmo ao Tribunal de Contas.

Comentarios