28-M

Constituídas as 3.961 mesas electorais da Galiza

Constituídas sen incidencias as mesas electorais na Galiza. A primeira no país foi a do Colexio de Riomol, en Castroverde (comarca de Lugo) ás 8:01 horas, e a última ás 9:36 horas, no Colexio Emilia Pardo Bazán, da Coruña.
Apertura do colexio electoral no Centro Civico de Novo Mesoiro, A Coruña (Foto: Nós Diario).
photo_camera Apertura do colexio electoral no Centro Civico de Novo Mesoiro, A Coruña (Foto: Nós Diario).

Ás 9:36 desta mañá quedaron constituídas as 3.961 mesas electorais que acollerán durante a xornada deste domingo as eleccións municipais na Galiza.

A primeira mesa constituída no país foi a do Colexio de Riomol, en Castroverde (comarca de Lugo), cando pasaban 1 minuto e 23 segundos das oito da mañá. Seguiulle tres segundos despois a mesa do Grupo Escolar de Codeseda, no concello da Estrada (Terra de Montes). A circunscrición provincial de Lugo foi tamén a primeira en ter constituídas as súas 534 mesas electorais.

A apertura completouse sen incidencias reseñábeis. A última mesa constituída foi unha ubicada no Colexio Emilia Pardo Bazán, no concello da Coruña, que ampliará o seu horario de votación até 36 minutos despois das oito da tarde. Nesta mesma cidade, dúas mesas no Palacio da Ópera sufriron atrasos pola ausencia dos membros das mesas.

En Vigo, unha das mesas ubicadas no CEIP Pombal-Lavadores tamén se atrasou polo mesmo motivo. Na cidade de Ourense completouse unha das mesas electorais co primeiro votante da xornada. En todos estes casos, a normativa electoral indica que a votación se estende en igual cuantía de tempo que o atraso que acumulou a constitución da mesa.

Neste domingo electoral están chamados a votar 2.225.962 electoras e electores, das que 2.216.522 persoas corresponden ao censo de electores residentes (CER) mentres que 9.440 son persoas do censo electoral de residentes estranxeiros (CERE).

Estas eleccións elixirán aos 3.705 concelleiros e concelleiras dos 313 concellos que ten a Galiza; as alcaldías pedáneas das nove entidades locais menores e os 108 deputados e deputadas provinciais.

Avances de participación

Haberá dous avances de participación: ás 14 e ás 18 horas. Ás 20 horas fecharanse as mesas e comezará o escrutinio, sumando os votos efectuados en mesa coa incorporación dos 52.469 votos emitidos por correo.

Comentarios