28-M

Como será a xornada de reflexión de candidatas e candidatos?

Descansar, alimentar a animais, lecer, motos e fútbol, as actividades que realizarán este sábado as candidatas e os candidatos das cidades galegas este sábado no seu día de reflexión.

Na xornada de reflexión o candidato do BNG, Rubén Arroxo, participou no reto solidario de Alucem e Óscar Domínguez (Foto: Nós Diario).
photo_camera Na xornada de reflexión o candidato do BNG, Rubén Arroxo, participou no reto solidario de Alucem e Óscar Domínguez (Foto: Nós Diario).

Xa é tradicional que as candidatas e os candidatos dediquen as 24 horas previas á apertura das urnas a descansar, a realizar actividades rutineiras ou ao lecer cultural. É a denominada xornada de reflexión que no caso de Ferrol estará marcada polo fútbol.

Na cidade naval, o posíbel fito futbolístico do Racing de ascender a Segunda División despois de 15 anos, con permiso do Celta B, o seu rival de hoxe, reunirá aos candidatos de todas as formacións Ángel Mato (PSOE), Iván Rivas (BNG), José Manuel Rey Varela (PPdeG) e Jorge Suárez (Ferrol en Común). Alí tamén se dará cita o secretario xeral do PSdeG e candidato nas Pontes, Valentín González Formoso.

E da expectación no campo de fútbol, a un paseo en bicicleta pola cidade e arredores do 'gaiteiro' Xan Xove (Marea Atlántica) alén do golfo da costa ártabra, onde a alcaldesa e candidata á reelección na Coruña, Inés Rei, oficiará tres vodas antes de descansar coa familia. Pola súa banda, o popular Miguel Lorenzo almorzará con apoderados e interventores e o nacionalista Francisco Jorquera dará un paseo por Eirís e logo comerá con antigos compañeiros dun grupo de teatro afeccionado.

Seguindo o eixo atlántico, onde os partidos concentraron este último día de campaña, as 'rúas' compostelás contarán co alcalde e candidato á reelección, Xosé Sánchez Bugallo, quen dará un paseo antes de comer na praza de Abastos con militantes.

Tamén a nacionalista Goretti Sanmartín comezou a xornada cun almorzo na cafetería Airas Nunes, neste caso, acompañada pola portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, que logo pasará un día familiar na excursión de escola da súa filla. Ao longo do día, Sanmartín tamén ten previsto acudir ás festas do Barrio Xardín, lugar no que é previsíbel que coincida coa cabeza de cartel de Compostela Aberta, María Rozas.

Borja Verea, o candidato do PP, pasará a xornada en familia e, neste sentido, ten previsto acudir ao parque cos seus fillos.

Pontevedra e Vigo

O fútbol tamén estará presente na cidade de Pontevedra, en que o candidato socialista á Alcaldía, Iván Pontes, ademais de tomarse o vermú tras un paseo pola Alameda, acudirá pola tarde ao partido entre o Pontevedra e Deportivo.

Nesta xornada de sábado, o alcalde da cidade e candidato á reelección, Miguel Anxo Fernández Lores, oficiará unha voda e, posteriormente, tomará un aperitivo coa súa familia na Praza da Leña. O seu opoñente popular, Rafa Domínguez, pasará a mañá nun torneo de fútbol no que participa o seu fillo e xa ao mediodía tomará unha caña coa deputada Ana Pastor e o seu marido.

Na cidade de Vigo, a candidata popular, Marta Fernández-Tapias realizará un percorrido polo centro histórico e o nacionalista Xabier P. Igrexas fará o propio no barrio do Calvario, onde aproveitará para realizar unhas compras antes de reunirse de maneira informal con integrantes da candidatura nesa mesma zona. 

Alí tamén se dará cita o alcalde de Vigo e candidato á reelección, Abel Caballero, quen ten previsto acudir á o cafetería Bema, ademais de asistir a varios concertos como alcalde.

Rubén Pérez, de Marea de Vigo, practicará pesca submarina se o mar está en condicións antes de comer coa súa parella e asistir ao concerto de Eladio e os Seres Queridos.

Lugo e Ourense

A alcaldesa e candidata á reelección, Lara Méndez (PSOE), participará en actividades deportivas e acudirá a un encontro de palilleiras. Mentres, a cabeza de lista do PP en Lugo, Elena Candia, manterá un encontro con interventores e vogais do seu partido. En Lugo tamén estará o delegado do Goberno, José Ramón Gómez Besteiro, quen pasará o sábado en familia e comerá cos seus fillos universitarios.

Como símbolo da carreira cara ás urnas, o candidato do BNG, Rubén Arroxo, acompañará uns quilómetros ao atleta Óscar Domínguez, que ten previsto correr durante 48 horas na Muralla nunha actividade solidaria da Asociación de Esclerose Múltiple.

Tamén ten previsto practicar atletismo o candidato de Democracia Ourensá, Gonzalo Pérez Jácome, que entre outras actividades dedicará o sábado para tocar o piano e practicar skate.

O candidato Manuel Cabezas, pola súa parte, empregará a xornada de reflexión nunha das súas afeccións, as motos, de forma que subirá a bordo da súa xunto con outros amigos 'moteiros' pola cidade de As Burgas. A esta actividade tamén se dedicará o presidente da Xunta e do PPdeG, Alfonso Rueda, quen subido ás súas 'dúas rodas' participará na concentración organizada por Motoclub Moteiros do Morrazo en Bueu (Pontevedra).

Mentres, como actividade diaria, o candidato socialista, Francisco Rodríguez, 'subirá' a Palmes, onde ten unha horta e galiñas ás que alimentará como é habitual, polo que o sábado de reflexión "non será unha excepción". 

Pola súa parte, o candidato do BNG, Luís Seara fará a compra semanal na Praza de Abastos, como é habitual na súa rutina de fin de semana.

Comentarios