28-M

2.225.962 galegas e galegos teñen unha cita coas urnas este domingo

Comeza a xornada electoral para 2.225.962 galegas e galegos que poderán escoller, até as 20 horas, 3.705 concelleiras e concelleiros que se distribuirán nos 313 concellos do país.

Constitucion dunha mesa electoral en Santiago (Foto: Arxina).
photo_camera Constitucion dunha mesa electoral en Santiago (Foto: Arxina).

Un total de 2.225.962 galegas e galegos teñen este domingo unha cita coas urnas, 22.600 persoas con dereito a voto menos que nos últimos comicios de 2019, segundo datos do censo electoral publicado polo Instituto Nacional de Estatística (INE).

Por circunscrición provincial, en concreto, na Coruña serán 924.407 persoas, contando con 2.297 estranxeiras, o que supón case 6.350 menos que fai catro anos.

En Pontevedra poderán exercer o seu dereito ao voto 775.760 persoas, das que 3.337 son estranxeiras. Isto supón situarse como a única circunscrición na Galiza que gaña electoras e electores, con algo máis de 80 novos votantes.

Por último, en Lugo serán 270.272 persoas (case 9.270 menos), das cales 1.173 son estranxeiras, e en Ourense a cifra queda en 255.523 (-7.121 persoas), das que 2.633 proceden doutro país.

313 municipios

Nos 313 concellos galegos elixiranse 3.705 concelleiras e concelleiros, dos que sairán tamén os nomes dos 108 postos que ocuparán as deputacións provinciais. Ademais, tamén se elixen oito postos de alcalde-pedáneo nas entidades de ámbito territorial inferior ao municipio (Eatim).

A xornada electoral contará este domingo cun total de 3.961 mesas e urnas nos 2.360 locais electorais distribuídos por toda a xeografía. Ademais, dispoñeranse 2.360 cabinas.

Por provincias, A Coruña contará con 1.544 mesas electorais en 889 colexios; 1.344 mesas en Pontevedra, nos 665 locais; 539 mesas en 413 locais; e 534 mesas en 393 locais de Lugo.

Participarán no dispositivo humano de organización máis de 21.400 persoas. Entre elas, 11.883 son membros das mesas electorais; 2.580 representantes da administración, responsábeis da transmisión de datos nas mesas; e 7.209 persoas correspóndense cos membros dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado español.

Resultados na cidades en 2019

Nas anteriores eleccións municipais realizadas en 2019 os resultados nas cidades tiveron unha maioría absoluta, a de Vigo, na que o PSdeG conseguiu 101.058 votos (20 edís), o PP 20.460 (4), Marea 10.384 (2) e BNG 8.461 (1).

No concello da Coruña o PP obtivo 37.930 votos (9 edís), o PSdeG 37.531 (9), Marea 25.290 (6), o BNG 8.950 (2) e Ciudadanos 7.245 (1).

En Pontevedra, a forza máis votada foi o BNG, con 16.500 votos (11 edís), seguida do PP con 12.440 (9), PSdeG con 5.797 (4) e Ciudadanos con 2.141 (1).

Na capital da Galiza, Santiago, o PSdeG recolleu 18.150 votos e 10 edís, o PP 15.262 (8), Compostela Aberta 10.651 (5) e o BNG 4.870 (2).

En Ferrol, o PP obtivo 14.142 votos e 12 edís, o PSdeG 10.083 (8), Ferrol en Común 3.663 (3) e o BNG 2.523 (2).

En Lugo, o PP logrou ter 15.360 votos (10 edís), o PSdeG 12.499 (8), o BNG 7.873 (5) e Ciudadanos 3.948 (2).

Por último, en Ourense a primeira forza en votos foi o PSdeG, con 14.562 e 9 edís, seguida do PP con 12.482 (7), Democracia Ourensá tivo 11.913 (7), Ciudadanos conseguiu 4.832 (2) e o BNG logrou 3.452 (2).    

Comentarios