SOCIAL

Un milleiro de persoas reclama contratación estábel na sanidade pública en Compostela

O 27 de xuño de 2020, ás portas das eleccións galegas, unha manifestación convocada polos sindicatos CIG, CCOO, UXT e apoiada polos colectivos Enfermeiras Eventuais en Loita, a Asociación de Celadores da Galiza, os Facultativos Eventuais Galegos en Loita ou as técnicas auxiliares de enfermaría da Galiza, entre outros, percorreu as rúas de Compostela.

Cos lemas "Non somos números, somos persoas", "A sanidade non se vende, deféndese" ou "Queremos traballar ‘con sentidiño’" (en referencia ao lema do actual presidente da Xunta da Galiza e candidato do PPdeG, Alberto Núñez Feixoo) as e os manifestantes partiron da Alameda para rematar enchendo a praza da Quinta, onde se situaron gardando as medidas de seguridaade.

"Onde están os aplausos, os aplausos onde están?", corearon os e as manifestantes a súa chegada a praza do casco histórico compostelán. Portavoces dos sindicatos e colectivos profesionais leron un manifesto conxunto no que proclamaron a apertura "dunha etapa de unidade de todo o persoal do Sergas para facer cumprir aos gobernos" coa sanidade pública.

"Non existe unha sanidade pública de calidade sen estabilidade laboral", sentenciaron as persoas da organización ao termo da manifestación, que congregou un milleiro de persoas, incluídos representantes do BNG e Galicia en Común-Anova Mareas. Entre os "deberes" postos á  Xunta e mais ao Goberno estatal están a eliminación da "letal" taxa de reposición, a fin da "precariedade" e mais a contratación eventual e o remate da concepción da sanidade pública "como un negocio" para "favorecer" intereses privados".

Tamén a elaboración dun plan de emprego que dea cobertura "ao cen por cen" de prazas vacantes no Sergas, a cuxos dirixentes demandan "transparencia" sobre os procesos de contratación e que elaboren cadros de persoal "suficientes" para os servizos sanitarios da Galiza.

Comentarios