'As guerrillas galegas ao descuberto'

Fernando Vidal: “A guerrilla contaba con enlaces en case todas as parroquias da Costa da Morte”

Fernando Vidal Collazo (Corme,1968) tense achegado nos seus traballos a diversos aspectos do proceso represivo e da resistencia ao franquismo na Costa da Morte. Nese sentido, ten publicado varios traballos sobre a guerrilla na zona e nesta quinta feira volve o sobre o tema en Nós Diario

Fernando Corme
photo_camera Fernando Vidal Collazo.(Foto: Nós Diario)

Como e cando xorden os primeiros núcleos de resistencia armada na Costa da Morte?

Os primeiros grupos teñen pouco que ver coas armas. A veciñanza da Costa da Morte comeza a organizarse en principio a nivel político, sen pensar moito na guerrilla. Os primeiros grupos fórmanse nas vilas. Temos constancia da existencia de células en Corme, Vimianzo, Carballo, Corcubión e Santa Comba no último trimestre de 1945. Quen propicia esta organización é o cormelán Adelino Rivas Pombo, que foi enviado polo PCE a Galiza desde o exilio chileno a mediados de 1943. Outro personaxe clave nestes comezos é Luís Ferro Souto, tío de Adelino, que cremos que tiña contacto político co seu sobriño desde meses antes. Luís facilita a Adelino moita información e contactos nas vilas para empezar a tecer esa rede.

Adelino deixa a dirección política do PCE en xaneiro de 1946, pasando á organización guerrilleira. É a partir dese momento cando intensifica os seus contactos na comarca, centrándose agora máis nos lugares máis pequenos ou apartados, que son os apropiados para acoller á guerrilla. Estes novos apoios véñense sumar aos das vilas. En paralelo ao tecido da rede empeza a presenza guerrilleira, esporádica e pouco numerosa na primeira metade de 1946. É en setembro dese ano cando chega un destacamento numeroso, que permanecerá constantemente na comarca até case un ano despois, aínda que variando o número de membros. Porque hai que destacar que os grupos armados veñen de fóra, son destacamentos xa formados da IV Agrupación guerrilleira, ás veces reforzados con veciños da comarca, escollidos entre os que forman a rede de enlaces.

"O obxectivo da guerrilla co asalto ao cuartel de Vimianzo era facerse co control da vila"

Unha das acción máis significadas da guerrilla na Costa da Morte foi o asalto ao cuartel da Garda Civil de Vimianzo, que destacaría deste feito?

Foi unha acción moi ambiciosa, levada a cabo o 8 de novembro de 1946. O obxectivo da guerrilla era facerse co control total da vila. Aspiraban a facerse co mando da centraliña telefónica e do cuartel para, unha vez dominados estes, dar un golpe económico no banco. Mesmo tiñan planificado que o destacamento guerrilleiro que estaba na comarca de Ordes intensificase as súas accións aquela noite, para confundir á Garda Civil e dificultarlle unha resposta rápida.

Pero fracasaron, porque os gardas do cuartel defenderon ben a súa praza e os guerrilleiros non foron quen de entrar. Na taberna que estaba ao lado da centraliña tamén houbo problemas, porque a guerrilla xa sabía que alí estarían xogando a partida dous gardas civís, pero a un deles non conseguiron inmobilizalo e respondeu a tiros dende a súa mesa, matando a un guerrilleiro e morrendo el tamén no tiroteo. Ante o fracaso inicial, e vendo que se esvaía a principal vantaxe, que era o factor sorpresa, Manuel Ponte Pedreira fixo un sinal e todo o destacamento se retirou a un monte próximo.

A existencia dunha actividade tan persistente nesa comarca non se explicaría sen unha forte rede de enlaces, que destacaría da mesma?

Si, foi moi importante. Destaca a súa distribución territorial. Foi unha rede moi mesta, con presenza en practicamente todas as parroquias da comarca. Hai que resaltar tamén o número de persoas que participaron. Un bo indicador disto pode ser o número de persoas da Costa da Morte que foron procesadas por dar apoio á guerrilla entre a primavera de 1946 e a de 1947. Foron xulgadas nada menos que 56 persoas. E houbo aínda algunhas persoas máis que tiveron relación cos feitos e que aparecen identificadas nas causas, pero que non foron xulgadas por distintos motivos. Incluíndo tamén a estas persoas, o número total de apoios guerrilleiros na Costa da Morte identificados nas causas militares anda arredor de 70.

"70 veciños da Costa da Morte foron procesados por colaborar coa guerrilla"

Céntrase no seu traballo para o coleccionábel de Nós Diario "As guerrillas galegas ao descuberto" no papel das mulleres nese conglomerado e moi particularmente na labor de Balbina Pedro Carril, que nos pode dicir dela?

Que foi, a ollos da xustiza militar, a máis importante, e polo tanto a máis duramente castigada. Constatei tamén con testemuñas que esta visión non foi exclusiva dos represores, porque Balbina quedou no imaxinario da comarca como a muller guerrilleira. No artigo do colleccionábel conto que Balbina chegou mesmo a participar nalgunha acción armada, integrada nun destacamento guerrilleiro. Tamén traballou moitos meses como correo, correndo un risco moi alto. E deu quizais o apoio máis importante: proporcionou alimento e descanso aos guerrilleiros, igual que moitas outras mulleres.

A maiores de Balbina hai outras mulleres que colaboraron nas redes de apoio como Celia Álvarez Vivero e Fernanda Carril Devesa que significaría das mesmas?

Significaría que, por ser mulleres, a xustiza daquel tempo nin mirou para elas. Fernanda foi absolta a pesar de prestar un apoio importante. E Celia non foi case investigada.

As mulleres son as grandes esquecidas das nosas investigacións. Xa tiña esta impresión cando elaborei un relatorio sobre a Costa da Morte para o congreso da guerrilla, celebrado na Coruña en 2009.

Naquela investigación chamoume a atención que estudando as causas había mulleres que apoiaron á guerrilla e que eran imposíbeis de identificar, non aparecía o seu nome nin unha soa vez. Aludíase a algunhas delas como “a muller de”. A outras, nin sequera esta alusión. Nestes últimos doce anos conseguín identificar a algunha máis, e souben, polo relato de testemuñas e familiares, da súa valentía. Por iso, fixen agora este artigo. Para rebelarme contra min mesmo. Porque fun eu o primeiro que me deixei levar polo prexuízo machista das fontes. Silenciei ás mulleres porque non aparecen na documentación elaborada naquel tempo.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios